A Librería Trama acolle a presentación de ‘Ruth Matilda Anderson. Tradutora das marxes’

Este venres 8 de maio ás 19.00 horas terá lugar na Librería Trama a presentación do libro Ruth Matilda Anderson. Tradutora das marxes, da autora Alba Rodríguez Saavedra, que estará acompañada no acto pola investigadora Ana Cabana.
A obra afonda na figura de Ruth Matilda Anderson, investigadora, fotógrafa, tradutora e ensaísta, e analiza o seu papel na construción dunha visión de Galicia centrada no campesiñado, nas mulleres e na infancia, ofrecendo unha perspectiva complementaria á historiografía máis tradicional.
Segundo se recolle no libro, a autora estuda os mecanismos que, desde 1939, contribuíron a afastar do sistema a súa monografía Gallegan Provinces of Spain. Pontevedra and La Coruña, a única deste tipo publicada por Anderson. Nela combínase a tradución con unha análise detallada do país baseada en documentación histórica, literaria e etnográfica, ao tempo que se recolle a realidade da vida das mulleres rurais e o compromiso feminista de figuras como Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán.
A publicación tamén interpreta o proceso de tradución de dobre dirección entre galego e inglés como un elemento clave na súa obra, que podería explicar, segundo se argumenta, o seu afastamento das correntes dominantes, situándoa nunha posición marxinal desde a que agora se recupera a súa achega para reinterpretar testemuños e realidades históricas esquecidas.