A Tenencia de Alcaldía de Lugo inicia as obras de mellora no local veciñal de Galegos

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e o concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas, acompañados pola presidenta da asociación veciñal, visitaron o inicio das obras de mellora no local da Asociación de Veciños de Galegos, unha actuación impulsada pola Tenencia de Alcaldía tras recoller as demandas trasladadas pola veciñanza usuaria deste espazo.
As intervencións teñen como obxectivo mellorar as condicións do local e garantir o seu correcto funcionamento como punto de encontro e dinamización social no barrio. As actuacións foron definidas tras unha visita previa ao espazo, na que participaron tamén membros da asociación e persoal técnico municipal.
Rubén Arroxo destacou que “os locais sociais son fundamentais para facer barrio e fortalecer o tecido asociativo, polo que traballamos de maneira constante para melloralos e adaptalos ás necesidades reais da veciñanza”. O tenente alcalde engadiu que “esta actuación en Galegos é un exemplo do compromiso por dar resposta ás peticións trasladadas polas asociacións con axilidade e eficacia”.
Os locais veciñais son propiedade da Tenencia de Alcaldía, que mantén un contacto permanente coas distintas asociacións veciñais da cidade para facer seguimento do seu estado e planificar actuacións de mellora. O obxectivo é asegurar o benestar das persoas usuarias e que estes espazos continúen sendo puntos clave para a participación e a convivencia nos barrios.
O Goberno de Lugo reafirma así o seu compromiso co movemento asociativo e co mantemento dos locais sociais como espazos vivos, útiles e adaptados ás necesidades da cidadanía.