A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora na recuperación de dúas pistas para o uso gandeiro en Ombreiro

LugoXa
As actuacións, cun investimento de 69.000 euros, permitiron mellorar os accesos a explotacións e parcelas agrarias e forestais da parroquia
pistas-para-a-actividade-gandeira-Ombreiro-Lugo
2 Sep 2026

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colaborou na recuperación de dúas pistas fundamentais para a actividade gandeira e os desprazamentos veciñais na parroquia de Ombreiro, en Lugo. Os traballos desenvolvéronse sobre dous tramos que permiten acceder a explotacións gandeiras e a parcelas agrarias e forestais pertencentes á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Arriba e Gándaras de Ceide de San Salvador de Outeiro.

Unha das actuacións realizouse na denominada "pista de Naveira", que comunica os lugares de Naveira e Outeiro. A segunda concentrouse no "camiño do monte", entre Doel e Vilalvite, un dos puntos que presentaba un maior deterioro e no que existían zonas practicamente intransitables.

As obras incluíron a limpeza dos laterais e das cunetas, o rasamento e acondicionamento do firme, a canalización das augas de escorrentía e a extensión de zahorra artificial. Estas intervencións permitiron recuperar a funcionalidade das dúas vías e facilitar o acceso ás explotacións e ás propiedades do monte comunitario.

O investimento total ascendeu a 69.000 euros. A comunidade de montes achegou 39.000 euros con fondos propios, mentres que a área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo financiou os 30.000 euros restantes.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, visitou as obras xunto con representantes da comunidade de montes e cos concelleiros Rubén Arroxo e Cristina López para comprobar o resultado dos traballos executados nos últimos meses.

Castro salientou "a utilidade destas actuacións para o día a día da veciñanza de Ombreiro", tanto pola súa importancia para a actividade gandeira como porque estas pistas permiten acurtar os desprazamentos entre diferentes núcleos de poboación. Tamén puxo en valor o labor de xestión do territorio que desenvolven as comunidades de montes na contorna da cidade de Lugo.

0.14800310134888