A Vicepresidencia da Deputación renova as pistas de squash do Pazo dos Deportes de Lugo

LugoXa
Os traballos supoñen a renovación integral das catro pistas cun investimento de 36.000 euros para mellorar as condicións de uso desta instalación deportiva
mellora-pista-de-squash-Pazo-dos-Deportes-Lugo
12 Aug 2026

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo está a executar a renovación integral das pistas de squash do Pazo dos Deportes, unha actuación que permitirá modernizar estes espazos e mellorar as condicións de práctica desta disciplina deportiva. Operarios da empresa adxudicataria, especializada neste tipo de instalacións, traballan nos últimos días na posta ao día das catro pistas existentes.

A intervención contempla a instalación de novos paneis de madeira con polímero de alta resistencia e propiedades hidrófugas, adaptados á normativa federativa vixente, así como a reparación dos muros laterais mediante revestimento de morteiro.

O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, explicou que desde a posta en funcionamento das pistas realizáronse actuacións puntuais de mantemento, pero que o desgaste acumulado facía necesaria unha renovación completa. Segundo indicou, o obxectivo é ofrecer as mellores condicións de uso aos clubs e deportistas que empregan habitualmente estas instalacións.

Castro destacou tamén que esta actuación forma parte do proceso de modernización e actualización do Pazo dos Deportes, unha infraestrutura que, ademais de acoller a actividade do baloncesto lucense, é utilizada por deportistas doutras modalidades e presta un servizo relevante para a práctica deportiva na cidade.

A área de Deportes da Vicepresidencia destina 36.000 euros a esta actuación, da que se beneficiarán especialmente os clubs lucenses Squash Muralla e Monstruíños, ademais das persoas usuarias que practican este deporte a título individual.

Esta actuación súmase a outras melloras impulsadas nos últimos meses pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo no Pazo dos Deportes. Entre elas figura a reforma do palco da instalación, xa adxudicada, que permitirá incorporar 116 novos asentos para o público, así como a instalación dun novo videomarcador LED de gran formato con esquinas curvas suspendido sobre o centro da pista. Ademais, o futuro da posible ampliación do Pazo dos Deportes será abordado nunha reunión entre administracións prevista para o vindeiro 3 de setembro, na que se analizarán as posibilidades de desenvolvemento desta infraestrutura deportiva.

0.12326288223267