A XLVIII Semana de Cine de Lugo xa ten cartel: Diego As rende homenaxe a Marilyn Monroe

A XLVIII Semana de Cine de Lugo, que se celebrará entre os días 21 e 26 de setembro, presentou oficialmente o cartel da súa nova edición nun acto celebrado no Concello de Lugo. A imaxe promocional foi creada polo artista lucense Diego As e está dedicada á figura de Marilyn Monroe, coincidindo co centenario do nacemento da actriz estadounidense.
A obra reúne distintas imaxes de Norma Jeane Mortenson, coñecida internacionalmente como Marilyn Monroe, nunha composición que rende tributo a unha das personalidades máis icónicas da historia do cinema. Diego As, recoñecido internacionalmente polo seu traballo artístico e distinguido en varias ocasións entre os mellores muralistas do mundo, asina así a imaxe dunha nova edición dun dos eventos culturais máis consolidados da cidade.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, destacou a calidade artística do cartel e afirmou que se trata dun excelente reclamo para unha cita cultural xa plenamente consolidada no calendario lucense. A rexedora aproveitou tamén a presentación para reafirmar o compromiso do Concello coa promoción da cultura e co apoio ás iniciativas que contribúen a fortalecer a identidade da cidade.
Durante o acto, Candia puxo en valor a traxectoria da Semana de Cine de Lugo e recoñeceu o labor desenvolvido durante décadas polo Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, organizador do certame e presidido por Xulio Xiz. A alcaldesa destacou que a cita cinematográfica forma parte da identidade cultural da cidade desde a celebración da primeira Semana Internacional de Cine de Autor en 1979, converténdose desde entón nun punto de encontro para os amantes do cinema e nun escaparate para recoñecer a achega dos lucenses vinculados á sétima arte.
A presentación contou tamén coa presenza da deputada provincial Iria Castro; do director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Manuel Antonio Fernández Piñeiro; da directora da UNED en Lugo, Ana Traseira; e da vicerreitora de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela, Ana Cabana. Ademais, asistiron representantes de Fonmiñá, entre eles o seu presidente, Xulio Xiz, xunto con Manuel Curiel, Eduardo R. Ochoa, José Manuel Guisasola e Antonio Giz, así como o propio autor do cartel.
A deputada Iria Castro agradeceu ao Grupo Fotográfico Fonmiñá “o traballo inxente que supón organizar a Semana do Cine, un traballo cultural moi importante para a cidade e para a provincia” e reafirmou o compromiso da Vicepresidencia da Deputación con este evento que programa arredor de 200 produción en distintos espazos da provincia e inclúe diferentes actos relacionados coa cultura cinematográfica.
Iri Castro valorou “a recuperación da Casa do Saber como un dos escenarios das proxeccións. A Semana do Cine permea a cidade con proxeccións en diferentes escenarios, e levaba uns anos faltándonos a USC a esa listaxe. Alegrámonos de que a universidade volva estar presente na Semana do Cine a través deste espazo tan simbólico”.
A 48ª Semana de Cine de Lugo volverá reunir en setembro a afeccionados, profesionais e amantes da sétima arte, consolidando o seu papel como unha das citas culturais máis veteranas e recoñecidas de Galicia.