A Xunta aproba o proxecto dunha senda en Ombreiro cun investimento próximo aos 870.000 euros

A Xunta de Galicia deu luz verde ao proxecto para a construción dunha nova senda na estrada autonómica LU-234 ao seu paso pola parroquia de San Martiño de Ombreiro, no concello de Lugo. A actuación contará cun investimento estimado de 869.819,36 euros e ten como finalidade mellorar a seguridade e fomentar a mobilidade sostible mediante a creación dun novo percorrido de uso compartido para peóns e ciclistas.
O itinerario previsto terá unha lonxitude superior aos 1,2 quilómetros e desenvolverase en paralelo á marxe esquerda da vía autonómica, conectando os núcleos da Ponte e Riazón. O proxecto busca completar un percorrido seguro entre ambas localidades e ofrecer unha alternativa máis cómoda para os desprazamentos diarios.
A aprobación definitiva do proxecto por parte do Executivo autonómico implica tamén a declaración de utilidade pública da actuación. Tras este paso administrativo continuará a tramitación do proxecto construtivo que permitirá iniciar a execución das obras, para as que se establece un prazo de realización de 12 meses.
A intervención contempla a creación dunha senda cun ancho de 2,5 metros, incluíndo un bordo estético, ademais dunha beiravía de medio metro. O trazado manterá a mesma liña da estrada actual e elevarase con carácter xeral 10 centímetros sobre a beiravía, aínda que nos accesos e interseccións adaptará a súa altura para facilitar a circulación e mellorar a accesibilidade.
O proxecto inclúe tamén a adaptación da parada de autobús situada no punto quilométrico 4+490, coa finalidade de mellorar as condicións de acceso para as persoas usuarias. A actuación manterá o refuxio existente, aínda que será desprazado para crear unha zona de paso máis ampla e facilitar tamén os labores de mantemento e limpeza.
No conxunto do itinerario empregarase pavimento de formigón coloreado en ton terra, mentres que nos accesos ás parcelas e nos cruzamentos con camiños municipais reforzarase a estrutura mediante un maior espesor e a utilización de malla electrosoldada de aceiro. Ademais, instalarase pavimento podotáctil nos cruzamentos e na zona da parada de autobús para mellorar a accesibilidade.
Para evitar futuras afeccións por actuacións sobre redes de servizos, o proxecto incorpora canalizacións destinadas ás infraestruturas de telecomunicacións e á rede eléctrica. Durante a execución das obras tamén será necesario trasladar ou retirar varios postes da iluminación pública e realizar adaptacións en diferentes pozos e arquetas.
Esta actuación será financiada con fondos Feder 2021-2027 e forma parte das medidas impulsadas pola Xunta para incrementar a seguridade dos usuarios máis vulnerables das vías, especialmente peóns e ciclistas, promovendo desprazamentos máis cómodos, seguros e saudables.