A Xunta avanza na mellora da seguridade viaria na LU-530 ao seu paso por Castelo

A Xunta iniciou a segunda fase das obras destinadas a reforzar a seguridade viaria na estrada autonómica LU-530 ao seu paso pola parroquia de Castelo, no municipio de Lugo.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, supervisou a evolución dos traballos, centrados nesta fase nas inmediacións das dúas paradas de transporte interurbano renovadas recentemente polo Goberno galego neste tramo da vía.
A primeira actuación, executada o pasado ano, permitiu acondicionar a contorna da marquesiña situada na zona de acceso á igrexa de Castelo, entre os puntos quilométricos 1+480 e 1+680. Agora, as actuacións continúan coa mellora da seguinte parada de autobús interurbano, situada na marxe oposta da estrada, concretamente entre os puntos quilométricos 2+060 e 2+300.
Os traballos previstos inclúen a instalación dun segundo paso de peóns e a adecuación dun novo tramo de senda peonil. Esta segunda fase das actuacións conta cun investimento de 50.000 euros, financiados a través do contrato de conservación e mantemento das estradas da zona norte da provincia de Lugo.
O proxecto tamén incorpora medidas adicionais orientadas á redución da velocidade e á mellora da seguridade viaria. Entre elas atópanse a colocación de balizas cilíndricas reflectoras, a instalación de paneis luminosos para advertir aos condutores do límite máximo de velocidade establecido en 50 quilómetros por hora e a renovación da sinalización horizontal ao longo de todo o percorrido, incluíndo o estreitamento visual dos carrís mediante o repintado das marcas viarias.
Villares subliñou que estas actuacións teñen como finalidade impulsar itinerarios seguros para os peóns, especialmente nas contornas das paradas de autobús interurbano, unha rede que a Xunta continúa renovando progresivamente en distintos puntos do territorio galego.