Adai celebra mañá unha poxa de 26 exemplares na súa gran cita da Raza Rubia Galega

O mercado gandeiro de Adai, no municipio lucense do Corgo, celebra mañá a cita máis importante do ano para a Raza Rubia Galega, que inclúe en realidade unha poxa, unha exposición e un concurso, todos eles de carácter nacional.
Na poxa presentaranse 19 xovencas, 14 de Acruga e cinco de explotacións particulares, así como 7 machos, dos que catro son de gandarías asociadas e tres da nave de testaxe da asociación. Os prezos de saída para os exemplares de Acruga serán de 2.900 euros para as xovencas e de 3.000 para os machos. Os compradores poderán optar a unha axuda á compra de Caixa Rural Galega, de 200 euros para as xovencas e de 300 para os touros.
A actividade no recinto feiral comezará cedo, xa que desde primeira hora poderanse ver os 100 animais que participarán no concurso nacional e que representan o mellor desta raza. Precisamente, a entrega de premios das sete categorías do concurso será ás 11.30 horas, para dar comezo á poxa de gando a partir das doce.
César Dorado, presidente de Acruga, espera como sempre unha boa afluencia de público e tamén de compradores. As poxas realizadas ao longo do ano acadaron bos resultados tanto en adxudicacións como en prezos, pero explica que en Adai sempre se superan as previsións. De feito, o ano pasado as xovencas de Acruga, procedentes do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo, lograron todo un récord ao acadar un prezo medio de 3.933 euros, con poxas moi disputadas, como a dunha xovenca vendida por 6.500 euros a un gandeiro de Talavera de la Reina. Tamén este ano se agarda a presenza de criadores de fóra de Galicia que están adquirindo Rubia Galega para as súas explotacións.
Ademais, este ano como novidade e grazas á colaboración e implicación do Concello do Corgo haberá unha degustación desta carne a partir das doce da mañá.