ADEGA denuncia que o plan para urbanizar as nacentes do río Rato incumpre a normativa ambiental e urbanística

ADEGA denunciou que o Plan Parcial do sector S-5.I, promovido para urbanizar as nacentes do río Rato, incumpre de maneira "evidente" a lexislación en materia de augas, as Directrices de Ordenación do Territorio de Galicia, as condicións impostas pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible en 2009 e o propio Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Lugo.

A asociación sostén que o proxecto ignora o artigo 193 da normativa urbanística municipal, que recomenda conservar as canles fluviais "do xeito máis natural posible", evitando canalizacións, modificacións do trazado ou actuacións que deterioren o dominio público hidráulico. Ademais, lembra que o PXOM condiciona o desenvolvemento urbanístico ao respecto do caudal ecolóxico dos cursos fluviais.
Segundo ADEGA, a documentación do plan representa de forma incorrecta a rede fluvial existente, ocultando parte dos regos que forman as nacentes do río Rato e reflectindo un trazado que non se corresponde coa realidade.
A entidade afirma tamén que o deseño previsto para o viario provocaría importantes afeccións ao río. Entre elas, destaca que o denominado vial E atravesaría o curso principal mediante un paso de máis de trinta metros que, na práctica, suporía o cubrimento da canle, impediría o tránsito polas súas marxes e obrigaría a modificar a confluencia dos regos que forman a cabeceira do Rato. Ademais, unha das pontes proxectadas situaría un dos seus piares practicamente sobre a canle, facendo inevitable o desvío do curso fluvial.
ADEGA lembra que a Resolución da Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible do 16 de abril de 2009 permitiu continuar coa tramitación do PXOM condicionándoa á incorporación de medidas para conservar, restaurar e manter as canles do municipio no seu estado máis natural, evitando calquera canalización ou alteración do seu trazado. Ao seu xuízo, o desenvolvemento do sector S-5.I incumpre estas condicións ao pretender ocupar un espazo de elevado valor ambiental sen demostrar que esa superficie resulte imprescindible para ampliar o polígono industrial do Ceao.
Neste sentido, a asociación asegura que Lugo dispón actualmente de solo industrial suficiente, tanto no polígono das Gándaras como en parcelas e naves baleiras do Ceao, para absorber durante anos a demanda empresarial existente.
ADEGA advirte ademais de que a cidade afronta unha decisión estratéxica entre ampliar a urbanización ou conservar un espazo natural que permitiría completar un gran cinto verde entre os ríos Miño e Rato. A entidade considera que a desaparición deste ámbito sería especialmente negativa nun contexto de cambio climático, xa que os espazos naturais contribúen a reducir o risco de inundacións, refrescar o ambiente durante as vagas de calor e mellorar a biodiversidade e a calidade de vida da cidadanía.
Finalmente, a organización sostén que a urbanización prevista suporía a desaparición das nacentes do río Rato, do bosque de ribeira e dun dos principais pulmóns verdes da zona norte de Lugo, provocando uns impactos ambientais que cualifica de irreversibles.
Co obxectivo de tratar de evitar este desenvolvemento urbanístico, a asociación puxo en marcha a campaña de doazóns "Río Rato sen cemento!", destinada a financiar os custos do recurso contencioso-administrativo que presentará contra o Plan Parcial do sector S5-I, que contempla a ampliación do polígono industrial do Ceao sobre a cabeceira do río. Segundo informa ADEGA, a iniciativa supera xa os 2.700 euros recadados e fixa como primeiro obxectivo alcanzar os 6.000 euros antes do vindeiro 2 de agosto.
A entidade fai un chamamento á sociedade lucense para apoiar esta campaña de micromecenado e anuncia tamén diversas actividades de sensibilización. Entre elas figura unha visita guiada pola zona afectada, prevista para este xoves, 16 de xullo, ás 20.00 horas, detrás do Mercadona do polígono do Ceao. Ademais, o luns 20 de xullo celebrarase un novo roteiro no marco da VIII Semana da Patria Galega organizada por Galiza Nova.
Para ADEGA, preservar as nacentes do río Rato permitiría culminar un modelo de cidade baseado na natureza, mediante a creación dun gran cinto verde periurbano que conecte os principais espazos fluviais, amplíe as zonas de lecer e benestar, fomente a mobilidade peonil e ciclista e contribúa a mellorar a calidade de vida da veciñanza.