Al Di Meola ofrecerá en Lugo o seu único concerto en Galicia o vindeiro 1 de decembro
Lugo recibirá o vindeiro 1 de decembro a un dos grandes guitarristas da música contemporánea. Al Di Meola ofrecerá no Auditorio Fuxan os Ventos o seu único concerto en Galicia, dentro da programación de O Gozo Festival, co seu aclamado formato trío. O músico estadounidense estará acompañado por Peo Alfonsi, á guitarra, e Sergio Martínez, á percusión.
Con máis de catro décadas de traxectoria, Al Di Meola é unha figura de referencia na guitarra e colaborou con artistas de distintos xéneros e xeracións, entre eles Paul Simon, Stevie Wonder, Phil Collins, Luciano Pavarotti, Jimmy Page, Steve Vai, Carlos Santana, Frank Zappa e Herbie Hancock. Tamén formou parte de proxectos destacados como Return to Forever, o Guitar Trio xunto a John McLaughlin e Paco de Lucía, e Rite of Strings, con Stanley Clarke e Jean-Luc Ponty.
A súa carreira inclúe máis de 30 álbums como líder, catro discos de ouro, dous de platino e máis de seis millóns de copias vendidas en todo o mundo. A estes logros súmanse numerosos recoñecementos, como un doutoramento honoris causa do Berklee College of Music, o Premio Honorífico Miles Davis do Festival de Jazz de Montreal e o galardón á traxectoria concedido pola BBC en 2008, ademais de varias candidaturas e premios Grammy.
Pioneiro na fusión do jazz con músicas de diferentes partes do mundo, o guitarrista incorporou á súa obra influencias do flamenco, o tango e as tradicións musicais de Oriente Medio, Brasil e África. O seu virtuosismo coa guitarra acústica e eléctrica, unido ao carácter emocional e lírico das súas composicións, converteuno nun dos músicos máis recoñecidos da súa xeración.
O Gozo Festival conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco de Concertos do Xacobeo.