Aproban o Plan Estratéxico de Subvencións 2026-2028 e impulsan novas actuacións no centro histórico

A Xunta de Goberno Local de Lugo aprobou o novo Plan Estratéxico de Subvencións 2026-2028, un documento que substitúe ao anterior, caducado desde decembro de 2025, e que fixa a planificación das axudas municipais para os próximos tres exercicios. O plan permitirá dar continuidade ao apoio económico a entidades, colectivos e iniciativas que desenvolven a súa actividade nos ámbitos social, cultural, deportivo, económico e da participación cidadá.
O documento establece as distintas liñas de subvención que poderá convocar o Concello entre os anos 2026 e 2028, definindo os seus obxectivos, os colectivos destinatarios e a planificación económica das diferentes convocatorias e convenios. Para este exercicio prevese unha dotación global de 3.698.243,25 euros, destinada a programas relacionados cos servizos sociais, a cultura, o deporte, o comercio, o emprego, a igualdade, o medio ambiente e a dinamización económica, entre outros ámbitos.
Na mesma sesión, o Executivo local aprobou a licitación das obras de renovación do pavimento da Rúa Nova, cun investimento de 98.813,17 euros e un prazo máximo de execución de dous meses. Esta actuación permitirá implantar por primeira vez a solución técnica deseñada polo Goberno local para substituír o pavimento do centro recentemente peonalizado, que presenta importantes deficiencias en varios puntos. A alcaldesa, Elena Candia, sinalou que esta intervención servirá tamén para avaliar o comportamento do novo sistema antes da súa aplicación progresiva noutras rúas do casco histórico.
A Xunta de Goberno Local deu tamén o visto e prace ao inicio da contratación das obras de renovación do pavimento de Campo Castelo, cun orzamento de 88.084,99 euros. Os traballos centraranse no tramo comprendido entre a saída das galerías da Praza Maior e a parte posterior da Casa do Concello, co obxectivo de mellorar a seguridade e a accesibilidade nesta zona do centro histórico.
No apartado deportivo, o Goberno local adxudicou as obras de renovación integral da pista municipal de atletismo Gregorio Pérez Rivera, cun investimento de 483.330,43 euros. A actuación permitirá modernizar completamente esta infraestrutura e mellorar as condicións para a práctica deportiva.
En materia de organización municipal, a Xunta de Goberno Local aprobou o nomeamento como funcionarias de carreira de dúas técnicas medias de xestión que superaron o proceso de promoción interna para acceder a prazas do subgrupo A2. Unha delas asumirá a xefatura da Sección de Actas, mentres que a outra desempeñará un posto de técnica media no Servizo de Persoal. Ademais, designáronse os tribunais cualificadores de dous procesos selectivos da Oferta de Emprego Público de 2023 para cubrir unha praza de técnico e outra de técnico medio de xestión.
Entre os restantes asuntos abordados figura a adhesión do Concello de Lugo á Rede Eusumo, promovida pola Xunta de Galicia para impulsar o cooperativismo e a economía social mediante accións de formación, asesoramento e apoio ao emprendemento colectivo. Así mesmo, a Xunta de Goberno Local delegou no concelleiro de Cultura a tramitación e resolución dos concursos para o deseño dos carteis das festas do San Froilán 2026 e do San Froilán Miúdo.