Artesanfroilán celebra en Lugo a súa trixésima edición con 18 postos

A praza Anxo Fernández Gómez de Lugo, situada detrás do Concello, acolle ata o 12 de outubro a trixésima edición de Artesanfroilán, unha feira xa habitual no programa das festas do San Froilán. A inauguración correu a cargo do vicepresidente da Deputación e deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, e da deputada de Cultura, Iria Castro.
O certame poderá visitarse todos os días en horario de mañá e tarde, de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas. Nesta edición participan 18 postos nos que se amosa unha ampla variedade de traballos artesáns, desde pezas de cerámica e artigos de coiro ata complementos, bixutería, creacións téxtiles, amigurumis e xogos tradicionais de madeira.
Durante a inauguración, Efrén Castro definiu Artesanfroilán como "unha das citas máis tradicionais do programa das festas de Lugo" e destacou que a Deputación leva tres décadas apoiando este encontro coa finalidade de poñer en valor o traballo dos artesáns, contribuír ao mantemento dos oficios tradicionais e favorecer a súa visibilidade durante unhas datas de especial afluencia na cidade.
Entre os participantes atópanse propostas moi diversas. Nova, o obradoiro de Adriana Romaní Posse, está especializado en marroquinería elaborada con coiro de curtido vexetal ecolóxico, empregando técnicas como o repuxado contemporáneo, o gravado, a costura de guarnicioneiro e o "ahormado" do coiro.
Regal Cerámica achega unha ampla traxectoria no ámbito da cerámica e un catálogo que acadou presenza en tendas especializadas e galerías de España, Europa, América e Asia. Pola súa banda, Bolboretas de Coiro, creado por Mercedes Buján Paredes, ofrece complementos, artigos de papelería e escritorio e pequenos elementos decorativos elaborados artesanalmente.
Tamén estará presente Tres Caracoles, un proxecto individual nacido en 2012 que aposta por deseños minimalistas, debuxos conceptuais, o uso da cor e materiais de calidade. As súas creacións combinan técnicas tradicionalmente asociadas á pintura e ao modelado e foron presentadas en diferentes eventos internacionais.
Os xogos tradicionais teñen o seu espazo con Enxógate, o taller creado en Quiroga por Antonio Fernández Vicente en 2013. O proxecto está centrado na investigación e fabricación de xogos e xoguetes baseados na destreza, o enxeño e a lóxica.
No ámbito do coiro tamén participa Vidal Revilla, artesán que iniciou a súa actividade de maneira autodidacta en 1985 e que desenvolve todo o proceso de elaboración manualmente. O seu traballo inclúe a recuperación de procedementos tradicionais que están próximos a desaparecer.
Iria Pigueiras presenta unha colección de complementos de bixutería inspirados nas formas da natureza. As súas creacións combinan arxila polimérica con técnicas de transferencia, caligrafía e pintura, ademais de elementos naturais e téxtiles.
A artesanía do coiro de Fonte Meimil, marca da mindoniense Esther Díaz Vidal, tamén forma parte da feira. Desde 2007 desenvolve produtos de elaboración propia con pel de tenreira de curtido vexetal, entre os que se atopan bolsos, carteiras, axendas, espellos, chaveiros e pendentes. Entre as súas pezas máis características están os torques de coiro.
Outra das propostas é Amigurumis Jano, de Alejandro García Lourés, especializada en bonecos de ganchillo feitos á man. O seu catálogo inclúe personaxes de ficción, músicos, animais e creacións inspiradas na cultura e na tradición musical galega, ademais de bonecos personalizados de persoas reais.
Patapúm, proxecto artístico de Ramiro Rodríguez Domingo con máis de dúas décadas de traxectoria, centra actualmente a súa produción en roupa de algodón e liño. As pezas son deseñadas e elaboradas con materiais de carácter orgánico e tintes directos, e están pintadas a man con pincel en pequenas coleccións de unidades únicas.
Ceniza de Papel, dirixido por María Josefa Sánchez Castedo desde 2019, parte da fotografía analóxica experimental para trasladar imaxes a soportes cerámicos. O resultado son pezas de carácter funcional, con cores suaves e formas clásicas, nas que se combinan técnicas de impresión e cerámica.
A imaxinería festiva popular está representada por Marga Portomeñe/Portomeñekos, taller de Margarita Portomeñe Pérez dedicado ao deseño, creación, restauración e mantemento deste tipo de pezas. O obradoiro traballa con técnicas tradicionais dos artistas falleros e utiliza principalmente cartón pedra, con especial atención aos cabezudos e xigantes, incluído o deseño e confección do seu vestiario.
La Bellota Mágica, de Inmaculada Díaz Cabado, achega unha proposta centrada na cerámica, con pezas realizadas a man nas que a cor e a fantasía teñen un papel destacado. O taller combina técnicas de modelado e escultura co torno oleiro e utiliza arxilas de alta temperatura, incorporando nalgúns casos materiais reciclados como madeira refugallada.
Desde Palas de Rei chega Cunqueiro, o obradoiro de Hussein Aali-Taleb especializado no traballo da madeira. As súas pezas empregan madeira autóctona, especialmente bidueiro, freixo e carballo, que é serrada en taboleiros e sometida a un proceso de secado ao aire libre sen tratamentos químicos.
Meteora Handmade, fundada en Lugo por Miriam Nanín, representa a artesanía téxtil e os complementos feitos a man. A marca aposta por unha produción en pequenas tiradas ou unidades únicas e pola reutilización de tecidos especiais, como pezas de traxes de fallera, materiais vintage ou tecidos xa descatalogados, aos que se lles dá unha nova vida.
No apartado da marroquinería tamén se poderá coñecer o traballo de Mimacuir, obradoiro fundado por Sonia Argiz. A súa actividade caracterízase polo emprego de coiros de curtido vexetal e por realizar manualmente todas as fases do proceso, desde o corte e a tintura ata o ensamblado. Entre as técnicas utilizadas destaca a costura a dúas agullas con fío encerado.
Dalenda, marca de Carmen Pardo Fernández, presenta xoiería de autor contemporánea elaborada manualmente. As pezas combinan técnicas tradicionais de ourivaría con acabados modernos e están inspiradas en formas orgánicas e naturais, con liñas suaves e referencias a elementos vexetais e xeométricos.
Finalmente, Belitroque, marca galega con sede en Lugo e liderada por Ángela Gandoy, aposta pola moda sostible mediante o "upcycling" ou reciclaxe creativa. O proxecto transforma roupa de segunda man e tecidos recuperados en bolsos, mochilas e outros complementos únicos.
Con esta variedade de propostas, Artesanfroilán mantén durante as festas do San Froilán un espazo dedicado á creación artesanal e á divulgación de diferentes oficios e técnicas, cunha programación que poderá visitarse ata o 12 de outubro na praza Anxo Fernández Gómez.
⇒PROGRAMACIÓN COMPLETA