As festas de cinco parroquias lucenses promocionarán as carnes de razas autóctonas durante agosto

LugoXa | TerraChaXa
O programa da Vicepresidencia da Deputación ‘Un Gusto de Rural, un Rural Degusto’ levará degustacións de vacún, porco celta e galiña de Mos a Castro Ribeiras de Lea, Ludrio, Cela, Martul e Bonxe
programa-Un-Gusto-de-Rural-un-RuralDegusto
7 Aug 2026

O programa "Un Gusto de Rural, un Rural Degusto", impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, volverá promover durante este mes de agosto o consumo de produtos procedentes de razas autóctonas galegas a través de degustacións gratuítas incluídas nas festas populares de distintas parroquias da provincia.

A iniciativa desenvolverase en Castro Ribeiras de Lea, Ludrio, Cela, Martul e Bonxe, onde as comisións de festas decidiron incorporar estas degustacións á súa programación co obxectivo de dar visibilidade á calidade destes produtos e poñer en valor o traballo das explotacións gandeiras que apostan pola conservación das razas autóctonas e o mantemento do medio rural.

As degustacións contan coa colaboración das ganderías Cachenas de Antía, de Outeiro de Rei; Gandería Taluco, de Castro de Rei; Gandería O Feral e Borja Campo, produtores de Porco Celta; así como dos criadores de galiña de Mos Alberto Fernández, José Luis Freire e José Zapata. As asociacións Boaga e Asoporcel encárganse da loxística e da elaboración das diferentes receitas.

A programación arrancará o 10 de agosto en Castro Ribeiras de Lea, onde a partir das 15.45 horas se ofrecerán bolos preñados de chourizo e xamón de Porco Celta, croquetas de galiña de Mos e hamburguesas de carne de vacún de raza Limiá. O 16 de agosto en Ludrio, desde as 14.15 horas, poderanse degustar empanada de galiña de Mos, xamón de Porco Celta e hamburguesas de vacún de raza Limiá.

As degustacións continuarán o 21 de agosto en Cela, a partir das 22.00 horas, con hamburguesas de vacún de raza Cachena e xamón e bolos preñados de chourizo de Porco Celta. Ao día seguinte, 22 de agosto en Martul, desde as 21.30 horas, servirase empanada de galiña de Mos xunto con xamón e bolos preñados de chourizo de Porco Celta. Finalmente, o programa rematará o 23 de agosto en Bonxe, onde a partir das 14.00 horas se ofrecerán hamburguesas de carne de vacún de raza Cachena e xamón de Porco Celta.

O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, destacou a boa acollida que está a ter esta iniciativa e sinalou que as festas populares son un escenario idóneo para dar a coñecer estes produtos. Segundo indicou, o consumo das carnes procedentes de razas autóctonas contribúe ao sostemento das explotacións gandeiras que traballan na recuperación e conservación deste patrimonio xenético galego.

0.12429594993591