As XXIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite arrancan cunha chamada a garantir o futuro do sector

LugoXa
A apertura serviu para poñer o foco nos desafíos da gandería leiteira e na necesidade de garantir a continuidade dunha actividade fundamental para a economía e o territorio lucenses
Inauguración-das-XXIII-Xornadas-Técnicas-de-Vacún-de-Leite-Lugo
12 Nov 2026

As XXIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite quedaron inauguradas nun acto no que participaron o deputado de Recursos Sostibles, Fran Cajoto; o presidente de SERAGRO, José María García Nieto, e o decano da Facultade de Veterinaria, Fernando Muñoz Guzón. A apertura serviu para poñer o foco nos desafíos da gandería leiteira e na necesidade de garantir a continuidade dunha actividade fundamental para a economía e o territorio lucenses.

Durante a súa intervención, Cajoto destacou o papel das xornadas como espazo de encontro, formación e intercambio de coñecemento entre profesionais, e agradeceu o traballo desenvolvido para consolidar esta cita. «A provincia de Lugo terá futuro se vós tedes futuro», afirmou, nunha mensaxe coa que vinculou directamente o porvir da provincia ao do sector gandeiro.

O deputado lembrou que Lugo concentra máis de 2.100 explotacións de produción de leite, arredor do 44 % das existentes en Galicia, e produce aproximadamente o 45 % do leite da comunidade, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística. Tamén incidiu en que a actividade sostén milleiros de familias e xera emprego en ámbitos como os servizos veterinarios, o transporte, as cooperativas e a industria transformadora.

A inauguración abordou igualmente a importancia de contar con explotacións rendibles e competitivas para asegurar o relevo xeracional. «Non hai sustentabilidade posible se non hai viabilidade económica, nin relevo xeracional se a xente nova non ve na gandería unha oportunidade de futuro», sinalou Cajoto, que defendeu a innovación, a formación e a investigación como ferramentas para avanzar.

0.15561604499817