Baleira pecha a campaña 'Toponimízate' cunha chamada a recuperar os nomes tradicionais das terras

A campaña 'Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra' chegará este venres, 30 de outubro, a Baleira para pechar a súa edición de 2026. A última sesión deste programa divulgativo da Real Academia Galega (RAG) e a Secretaría Xeral da Lingua terá lugar ás 12:00 horas no CEIP Concepción López Rey e estará aberta tanto ao alumnado como ao resto da veciñanza.
O alcalde de Baleira, Ángel Enrique Martínez-Puga López, e o director do centro educativo, Pablo Abuín, presentarán a actividade, que impartirá Vicente Feijoo, coordinador da unidade técnica de toponimia da RAG e coordinador técnico de Galicia Nomeada. A iniciativa busca sensibilizar sobre o valor cultural dos nomes tradicionais dos lugares e promover a súa conservación a través desta plataforma dixital.
A campaña regresa ás terras de Burón despois de visitar A Fonsagrada en 2022. A elección de Baleira responde á necesidade de impulsar a recolla da microtoponimia municipal, que corre o risco de desaparecer. O concello non participou no Proxecto Toponimia de Galicia, desenvolvido entre 2000 e 2011, e desde o lanzamento de Galicia Nomeada, a finais de 2019, só se incorporaron 217 novos microtopónimos do municipio, grazas á colaboración de seis persoas.
A situación é especialmente preocupante nalgunhas parroquias. En A Lastra e A Esperela só se rexistrou un topónimo novo durante este período, mentres que en Librán, Pousada, Córneas, A Degolada e A Fontaneira non se incorporou ningún. Por iso, a sesión fará fincapé no papel que pode desempeñar a rapazada na conservación deste patrimonio, utilizando a súa familiaridade coa tecnoloxía para recoller os coñecementos sobre o territorio que gardan os seus avós e avoas e outras persoas maiores.
Durante a charla explicarase o funcionamento de Galicia Nomeada, que permite rexistrar e xeorreferenciar os nomes de leiras, montes, camiños, regatos e outros elementos da paisaxe, mesmo directamente no lugar a través da aplicación móbil. A ferramenta tamén permite engadir información complementaria, como lendas, descricións, gravacións coa pronuncia dos nomes e fotografías.
A sesión rematará cunha explicación sobre a orixe e o significado dos topónimos das parroquias e aldeas de Baleira, un traballo no que Feijoo conta coa colaboración do académico Gonzalo Navaza. Tamén se abordará a posible orixe do nome do propio concello, que aparece en documentación antiga como 'A Valeira', con artigo e coa grafía 'v'. O Seminario de Onomástica da RAG xa expresou a súa disposición a aceptar unha modificación da denominación oficial se a corporación municipal a solicita formalmente, ao considerar que existen argumentos científicos que avalan ese cambio.