A Festa da Troita con Xamón reúne na Ponte a máis de 500 veciños das parroquias ribeirás de Lugo

LugoXa
A IV edición da celebración serviu 4.000 racións de troita con produtos de proximidade e recoñeceu a doce persoas co premio "Amigo/a do rural"
Festa-da-Troita-con-Xamón-26-Lugo
27 Sep 2026

O barrio da Ponte de Lugo acolleu a IV Festa da Troita con Xamón, organizada pola Asociación de Veciños Lucus Augusti, que reuniu máis de 500 comensais procedentes das parroquias lucenses vinculadas ao río Miño e aos seus afluentes, o Rato e o Mera.

A xornada combinou gastronomía, tradición e convivencia veciñal coa degustación de preto de 4.000 racións de troita de Ribeira de Piquín, criada no río Eo, acompañada de xamón de Torre de Núñez, queixo da Denominación de Orixe San Simón da Costa e pan de Antas de Ulla.

O encontro contou coa participación de representantes de 25 parroquias e tamén serviu para poñer en valor o labor das persoas que contribúen ao coidado das contornas fluviais e ao mantemento da actividade no rural durante todo o ano.

No marco da celebración entregáronse os premios "Amigo/a do rural", cos que se recoñeceu a doce persoas polo seu traballo e implicación nalgunha das parroquias participantes.

Entre os asistentes estivo o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, que destacou o carácter da festa como unha "homenaxe ás persoas que manteñen vivo o rural durante todo o ano". Tamén sinalou que a cita permite combinar "gastronomía con produtos de proximidade, tradición e, sobre todo, convivencia veciñal".

Besteiro participou no encontro xunto ao portavoz local e candidato do PSdeG á Alcaldía de Lugo, Miguel Fernández; a secretaria de Organización, Lara Méndez; a deputada no Congreso Patricia Otero; o delegado do Goberno, Pedro Blanco, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López.

Tamén participaron os deputados provinciais Miguel Fernández, Pablo Rivera e Pilar García Porto, acompañados polo presidente da federación veciñal Lucus Augusti, Jesús Vázquez, e outros representantes institucionais.

Durante a súa intervención, Miguel Fernández puxo o foco no papel dos veciños na conservación dos ríos e das súas contornas. "Vós sodes os que coidades as marxes dos ríos, os que respectades a contorna e os que mantedes vivo o noso territorio", afirmou.

O portavoz socialista engadiu que a celebración representa "un gran día de confraternidade para atoparnos, compartir e fortalecer lazos arredor dunha mesa", ademais de permitir poñer en valor a gastronomía de proximidade.

0.12474894523621