Blanco visita as obras da Intermodal e avanza que podería estar rematada a nova estación en xuño

GaliciaXa | LugoXa
O delegado subliña o liderado de Óscar Puente para impulsar infraestruturas chave en Galicia e en Lugo e destaca o papel de Miguel Fernández para desbloquear proxectos estratéxicos e mellorar as conexións ferroviarias
visita-intermodal-lugo
4 May 2026

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou hoxe que Lugo e Galicia “avanzan coma nunca en infraestruturas” grazas ao esforzo e liderado do ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, en coordinación co traballo do alcalde, Miguel Fernández, subliñando que “todos os compromisos do ministro co alcalde e cos lucenses estanse a cumprir”. Así o manifestou durante a súa visita ás obras da nova estación intermodal, acompañado polo alcalde, pola subdelegada do Goberno na provincia, Olimpia López, e polo director adxunto de Construción de Adif, Juan Pablo Villanueva.

Pedro Blanco puxo en valor que a nova estación, que encara os últimos traballos, suporá “un antes e un despois para Lugo”, ao tratarse dunha infraestrutura moderna, accesible e preparada para conectar a cidade coa alta velocidade, saldando así unha débeda histórica cos lucenses. O delegado lembrou que este proxecto estivo anos paralizado por gobernos anteriores e foi recuperado polo actual Goberno, que tamén está a investir máis de 600 millóns de euros no corredor ferroviario ata Ourense.

No que atinxe á evolución das obras da estación intermodal, Pedro Blanco explicou que os traballos están nunha fase moi avanzada de execución e que poderán estar listos para o mes de xuño. O novo edificio de viaxeiros xa ten a súa estrutura e cerramento finalizados e actualmente estanse a completar as instalacións (eléctricas, saneamento, pluviais, etc.). Tamén están rematadas as actuacións principais da pasarela peonil de conexión entre a estación ferroviaria, o aparcadoiro e a estación de autobuses, así como do paso inferior, que terá unha dobre funcionalidade: acceso a andéns e paso de cidade.

Os traballos nos andéns atópanse igualmente na recta final, coa instalación de indicadores, sistemas de megafonía e a realización das probas correspondentes. Do mesmo xeito, avanzan de maneira moi significativa as tarefas de urbanización do entorno da estación, tanto no lado da cidade como na zona do parque do Sagrado Corazón, así como os accesos na contorna da Praza do Conde Fontao e da Rúa Alta. O Goberno de Pedro Sánchez inviste a través de Adif un total de 22,3 millóns de euros nesta infraestrutura e na urbanización do seu entorno inmediato.

Doutra banda, o delegado destacou tamén os avances na A-54, cuxo último tramo está próximo a rematar, permitindo reducir o tempo de viaxe entre Lugo e Santiago a apenas 50 minutos. “Estamos a cumprir tamén nesta infraestrutura clave, que leva décadas sendo unha demanda da cidadanía”, sinalou.

Pedro Blanco incidiu no papel fundamental “rigoroso e discreto” do alcalde Miguel Fernández, ao que cualificou como “un alcalde que entende que a mellor forma de avanzar é colaborar, sumar e defender os intereses de Lugo con seriedade”, destacando que o traballo conxunto entre administracións está a dar resultados en proxectos como a nova comisaría, con 9 millóns de investimento, o recoñecemento do Vello Cárcere como Lugar de Memoria Democrática ou na mellora das conexións ferroviarias, subliñando que “tras pelexalo o alcalde, conseguimos avances nos horarios e nas conexións con Madrid”, mellorando as opcións de mobilidade para a cidadanía lucense.

O delegado foi contundente ao sinalar que “hai unha diferenza clara: hai quen fala de Lugo e hai quen o fai avanzar e hoxe con Miguel Fernández de alcalde, Lugo avanza”. Engadiu que “nesta etapa, Lugo viviu e está a vivir a maior transformación da súa historia recente, o seu mellor tempo, con novos proxectos, investimentos récord e máis oportunidades”. “Nós poñemos aos lucenses no centro e traballamos polo seu benestar. Outros, cando gobernaron, non o fixeron. Non estiveron á altura”, concluíu.


 

OUTRAS ACTUACIÓNS PARALELAS

Durante a súa intervención, o alcalde puxo o acento no impacto social e urbano destas actuacións, asegurando que “estamos diante dun proxecto que non só mellora as infraestruturas, senón que fai xustiza con barrios que levan décadas agardando por unha conexión digna co resto da cidade”. Neste sentido, engadiu que “este Goberno municipal ten claro que Lugo non pode avanzar deixando atrás a ninguén, e por iso impulsamos actuacións que corrixen desigualdades históricas”.

Fernández tamén destacou que este proceso de transformación urbana se completará co proxecto de conexión da estación co casco histórico a través dun sistema de ramplas mecánicas e ascensores que permitirá salvar o desnivel existente entre ambos puntos estratéxicos. “Estamos a falar dunha intervención clave para unir a zona baixa coa zona alta, para facer unha cidade máis accesible e máis amable, pensada para as persoas e non para as barreiras arquitectónicas”, afirmou.

O rexedor anunciou, ademais, que o convenio con Adif, actualmente en fase de redacción, será asinado o vindeiro mes, o que permitirá avanzar de maneira decidida nesta nova actuación. O proxecto contará cun orzamento superior aos 5 millóns de euros que conta con finaciamento eurpepo dentro da estratexia Novo Norte, aos que se suma outro millón máis achegado polo Concello para afrontar as expropiacións necesarias para acometer a obra.

Neste sentido, sinalou que “este investimento demostra que cando hai vontade política, os proxectos saen adiante, e Lugo non pode quedar á marxe das grandes transformacións que están a vivir outras cidades”. Así mesmo, engadiu que “algúns dedicáronse durante anos a prometer sen cumprir, pero hoxe estamos a demostrar con feitos que esta cidade ten un futuro ambicioso e realista”.

O alcalde explicou que se agarda que o proxecto desta actuación poida estar redactado a finais de ano, o que permitirá iniciar os trámites necesarios para a súa execución no menor prazo posible. “Non estamos falando de ideas, estamos falando de realidades que avanzan con paso firme grazas ao compromiso deste Goberno e á colaboración institucional”, recalcou.

Finalmente, Miguel Fernández quixo poñer en valor o conxunto das tres grandes actuacións —a intermodal, o paso de cidade e a conexión coa zona alta— como un auténtico motor de cambio para Lugo. “Estas obras representan un antes e un despois na historia recente da cidade. Son a proba de que Lugo está en marcha, de que hai un proxecto de cidade claro e de que estamos a construír unha mobilidade moderna, sostible e pensada para o benestar da veciñanza”, concluíu.

BESTEIRO CRE NA RESPOSTA DAS URNAS A ANOS DE BLOQUEO

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou ao Partido Popular de utilizar a moción de censura en Lugo para conseguir “pola porta de atrás o que non son capaces de gañar nas urnas”. Fíxoo nas obras da estación intermodal, onde quixo “facer un oco na memoria” dos lucenses para recordar quen rescatou esta infraestrutura e quen a tivo durmindo durante anos.

A pregunta a lanzou directamente: por que o PP non foi capaz en 27 anos de chegar ao goberno desta cidade. A resposta, tamén: “Pola súa política indigna de bloqueos que sufriron grandes proxectos nesta cidade”. E poucos exemplos máis claros, dixo, que o da propia estación na que se atopaban. “Esta ía ser a primeira intermodal de Galicia, no ano 2010. Así o acordaran por aquel entón o alcalde López Orozco e o ministro José Blanco”, recordou. “Entrou o goberno de Rajoy e este proxecto entrou a durmir o soño dos xustos. Desapareceu. Púxose nun caixón e non se volveu falar durante todo o mandato do PP de Mariano Rajoy”.

Tiveron que pasar anos, e tivo que ser outro proxecto socialista, o impulsado por Lara Méndez xunto co acordo posterior coa alcaldesa Paula Alvarellos e o propio Miguel Fernández, para que a obra recuperase o pulso. Para Besteiro, ese é o fío que conecta a hemeroteca co presente. “Ese bloqueo que someteu o PP á cidade, e a condena que levan neste proxecto, son indignos dunha moción de censura”, sentenciou. Foi un goberno socialista, lembrou, o que “tivo que vir para desempoeirar este proxecto e poñelo en marcha, sobre todo a unha velocidade de vértigo, con calidade marca España”.

O secretario xeral debuxou tamén o impacto que vai ter a estación na cidade real, a que se vive. Vai cambiar esta parte de Lugo, vai revalorizar toda a zona e, sobre todo, vai conectar os barrios de Gándaras e do Sagrado Corazón co centro: “É unha obra espectacular”, resumiu. Pero unha obra, dixo, que “non foi posible ata agora” pola actitude do PP, polo seu bloqueo, pola súa falta de contribución e de apoio.

E aí lanzou un aviso pensando en clave electoral. “Iso non o van esquecer os lucenses, nin hoxe nin dentro dun ano, cando teñan que ver a referencia de todas as infraestruturas e apelen a quen foi capaz de sacalas adiante a pesar da falta de apoio do Partido Popular”, advertiu. Créanme, continuou ante os medios, “Lugo sabe que foron os socialistas os que sacaron estas obras adiante e que foi o PP quen as bloqueu. Vano recordar esta semana e vano recordar dentro dun ano cando sexan chamados ás eleccións”.

0.1199951171875