Castro de Rei inviste máis de 280.000 euros na rexeneración de vías municipais en varias parroquias

O Concello de Castro de Rei está a executar un conxunto de actuacións de rexeneración e mellora das vías municipais cun investimento total de 282.736 euros, repartido entre distintas parroquias do municipio. Estas intervencións teñen como obxectivo principal garantir o bo estado da rede viaria e facilitar os accesos tanto á veciñanza como ás explotacións agrogandeiras.
Unha parte dos traballos lévase a cabo con cargo ao Plan Camiña Rural 2025-2026 de Agader, cun investimento de 115.000 euros destinado á rexeneración de vías de titularidade municipal nas parroquias de Orizón, Pacios e Ponte de Outeiro.
Por outra banda, ao abeiro do Plan Único da Deputación correspondente ao ano 2025, están en marcha obras de pavimentación, rexeneración e mellora de camiños nas parroquias de Triabá, Duarría, Loentia, Ludrio, Balmonte, Bazar, Outeiro, Pacios e San Martiño de Goberno, cun orzamento de 163.758 euros.
Dende o goberno local subliñan a importancia de manter en boas condicións as vías municipais, especialmente nun concello cunha ampla dispersión territorial e cun importante peso do sector primario. Neste sentido, destacan que estas actuacións resultan fundamentais para garantir a mobilidade no rural e facer fronte ao desgaste que sofren os camiños tanto polo tránsito continuado como polas condicións meteorolóxicas adversas, especialmente durante os meses de inverno e primavera, cando as choivas intensas provocan danos significativos na rede viaria.
As actuacións enmárcanse na estratexia municipal de conservación e mellora das infraestruturas básicas, co fin de asegurar a funcionalidade e seguridade das comunicacións no conxunto do territorio.