CCOO celebra a climatización das aulas da Escola Infantil Gregorio Sanz tras anos de reivindicacións

CCOO en Lugo mostrou a súa satisfacción pola instalación dun sistema de climatización nas aulas da Escola Infantil Gregorio Sanz, unha actuación que considera a resposta a unha das reivindicacións máis antigas mantidas polas traballadoras do centro, as familias e a propia organización sindical.
Segundo explicou o sindicato, durante anos denunciouse unha situación que cualifican de insostible, especialmente durante os períodos de temperaturas máis elevadas, cando as aulas chegaban a superar os 30 graos. Unha realidade que, sinalan, repercutía directamente no benestar das nenas e nenos e tamén nas condicións laborais das profesionais do centro.
Desde CCOO lembran que ao longo deste tempo presentaron escritos, realizaron denuncias públicas sobre as carencias existentes e reclamaron de maneira reiterada unha solución para o problema. A organización considera que a insistencia das traballadoras, o apoio das familias e o traballo reivindicativo desenvolvido permitiron que esta demanda histórica non quedase esquecida.
O sindicato valorou positivamente a actuación do actual Goberno municipal ao atender esta reclamación, ao considerar que supón unha resposta a unha necesidade que levaba anos sendo exposta. Ao mesmo tempo, recordan que durante anteriores etapas municipais non obtiveron solucións ás peticións realizadas nin percibiron vontade de resolver unha situación que afectaba directamente ao funcionamento do centro.
Con todo, CCOO considera que a climatización das aulas non debe supoñer o remate das actuacións pendentes, senón o inicio dunha nova etapa de melloras para a Escola Infantil Gregorio Sanz. Neste sentido, agardan manter unha reunión coa alcaldesa de Lugo para abordar outras necesidades relativas ás instalacións e aos recursos do centro, co obxectivo de garantir un servizo público de máxima calidade.
A organización sindical asegura que continuará apostando polo diálogo e pola colaboración institucional ao mesmo tempo que manterá as súas reclamacións sobre cuestións pendentes. Segundo sinalan, recoñecer os avances acadados e continuar reclamando melloras forma parte da súa maneira de entender a acción sindical.
REACCIÓN DO BNG
A concelleira do BNG, Iria Buide, cualificou a situación da Escola Infantil Gregorio Sanz como un “evidente cambio de criterio e falta de coherencia” tras o anuncio da climatización das instalacións por parte de Comisións Obreiras.
A edil nacionalista, responsable da área de Educación e Difusión do Coñecemento, explicou que os sistemas de climatización “xa estaban listos para funcionar o verán pasado”, pero non se puxeron en marcha porque o persoal do centro consideraba que non eran seguros para as nenas e nenos, a pesar de contar coa aprobación da inspección educativa.
Buide sinalou que o orzamento municipal reservaba unha partida de 24.000 euros co obxectivo de adaptar ou substituír o sistema por outro que fose aceptado polo persoal do centro e garantise as mellores condicións tanto para o alumnado como para o profesorado. Neste sentido, amosou sorpresa polo feito de que un sistema que anteriormente se consideraba inseguro pase agora a empregarse con normalidade.
A concelleira lembrou tamén que o orzamento municipal de Educación para 2026 inclúe 70.000 euros destinados á mellora dos edificios educativos municipais, 24.000 euros para a climatización da Escola Infantil Gregorio Sanz e 30.000 euros para sistemas de alarma nos CEIP.
Ademais, destacou que o maior gasto da área de Educación corresponde aos 1.062.696 euros investidos nos comedores escolares, unha cifra que cualificou de relevante ao tratarse dun servizo que, segundo o BNG, debería ser asumido pola Xunta de Galicia. Neste sentido, a formación nacionalista reiterou a súa demanda para que o goberno autonómico asuma estas competencias, co fin de que o Concello poida destinar ese investimento a outras políticas educativas.