Cervantes impulsará a contorna do Castelo de Doiras cun investimento superior aos 100.000 euros

LugoXa
O proxecto permitirá mellorar servizos e crear novos espazos turísticos e de apoio aos produtos locais nos Ancares lucenses
Castelo-de-Doiras-Cervantes-subdelegada-do-Goberno-Lugo
13 May 2026

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, visitou o Concello de Cervantes xunto ao alcalde, Benigno Gómez, e ao tenente de alcalde, Miguel González, para coñecer o proxecto de mellora da contorna do Castelo de Doiras, unha actuación que contará cun investimento total de 100.028,50 euros.

O proxecto, solicitado polo Concello o pasado 13 de febreiro de 2026, vén de recibir resolución favorable dentro da convocatoria de axudas. O financiamento procederá nun 60 % de fondos europeos, mentres que a Xunta de Galicia asumirá o 28 % e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación achegará o 12 % restante.

As actuacións previstas permitirán mellorar os servizos da contorna do castelo mediante a adecuación dun local destinado á exposición e comercialización de produtos locais, a optimización da recollida e xestión de residuos, a creación dunha área de recreo e a instalación de iluminación na zona.

Durante a visita, Olimpia López destacou “a importancia de continuar impulsando proxectos que contribúan á dinamización do rural, á conservación do patrimonio e á creación de oportunidades económicas e turísticas no territorio”. Ademais, subliñou que este tipo de investimentos “permiten reforzar o atractivo turístico de Cervantes ao tempo que se crean espazos máis accesibles, sostibles e útiles para a veciñanza e para as persoas visitantes”.

A subdelegada lembrou tamén que o Castelo de Doiras abriu as súas portas ao público no mes de marzo do pasado ano, consolidándose desde entón como un dos principais atractivos turísticos e culturais da comarca dos Ancares. Neste sentido, puxo en valor o potencial do patrimonio histórico como elemento xerador de actividade económica e de fixación de poboación no rural, así como a importancia da cooperación entre administracións para desenvolver actuacións que repercutan na mellora da calidade de vida da cidadanía.

0.12151598930359