Comeza a restauración da capela da Virxe dos Ollos Grandes da Catedral de Lugo

LugoXa
A intervención, cun investimento de case 500.000 euros, actuará sobre a arquitectura, o baldaquino e a imaxe da Virxe
presentacion-proxecto-restauracion-capela-Virxe-dos-Ollos-Grandes-Lugo
28 Sep 2026

A Diocese de Lugo iniciou o proxecto de restauración da capela da Virxe dos Ollos Grandes da Catedral, unha intervención destinada a conservar e estudar un dos espazos de maior valor artístico, histórico e devocional do templo. Os traballos, promovidos e financiados pola Diocese, serán executados polo Centro de Conservación e Restauración San Martín da Diocese de Ourense.

O proxecto foi presentado no claustro da Catedral polo bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco; o administrador do Centro de Conservación e Restauración San Martín, Camilo Salgado Vázquez; a directora técnica da intervención, a restauradora Vania López, e o vicario episcopal para o Patrimonio e o Sostemento da Igrexa da Diocese de Ourense, Raúl Alfonso González.

A actuación chega no ano no que se cumpren 300 anos da colocación da primeira pedra da actual capela, proxectada por Fernando de Casas Novoa. O bispo lembrou que a construción foi posible grazas ás achegas de numerosas persoas e expresou o desexo de recuperar ese espírito de participación tamén nesta restauración.

"Queremos facer a restauración así, con eles", sinalou Mons. Alfonso Carrasco, en referencia ás persoas que desexen colaborar co proxecto. O investimento previsto sitúase lixeiramente por debaixo dos 500.000 euros e a Diocese xa recibiu algúns donativos, á vez que abrirá novas vías de colaboración económica.

A intervención forma parte tamén do camiño cara á celebración, en 2029, do IX Centenario da actual Catedral de Lugo.

Actuación sobre tres elementos

A restauradora e directora técnica, Vania López, explicou que os traballos se desenvolverán sobre tres ámbitos principais: a arquitectura da capela, o baldaquino de madeira policromada e a imaxe pétrea e policromada da Virxe dos Ollos Grandes.

As primeiras probas realizadas coa instalación dos andamios permitiron analizar con maior detalle os materiais, acabados e intervencións acumuladas ao longo dos anos. Nas zonas superiores localizáronse repintes que ocultan acabados anteriores, así como superficies ocres, áreas policromadas e elementos dourados con pan de ouro.

O andamiaxe permite acceder tamén a zonas próximas á lanterna da cúpula, situada a uns 23 metros de altura. Deste xeito, os especialistas poderán estudar técnicas, materiais e posibles intervencións anteriores que non son apreciables desde o chan.

Segundo explicou López, o obxectivo é "deixar as obras tal e como se fixeron, como as fixo o artista, pero co paso do tempo". A duración estimada dos traballos é de aproximadamente dez meses, aínda que o calendario poderá variar en función dos achados que se produzan durante a restauración.

Un proxecto entre as dioceses de Lugo e Ourense

O Centro de Conservación e Restauración San Martín, creado no seo da Diocese de Ourense, conta con preto de dúas décadas de experiencia na conservación do patrimonio artístico da Igrexa.

Camilo Salgado cualificou como "un privilexio asumir agora a restauración da capela da Virxe dos Ollos Grandes", mentres que Raúl Alfonso González puxo en valor a colaboración entre as dioceses de Lugo e Ourense como "un signo de comuñón".

Coincidindo co inicio do proxecto, a Diocese de Lugo habilitou tamén a web www.virgendelosojosgrandes.org, na que se poderá coñecer a historia da Virxe e da súa capela e seguir a evolución dos traballos.

O espazo dixital irá incorporando novos contidos, imaxes e información a medida que avance a intervención, co obxectivo de achegar á cidadanía o proceso de restauración mentres a capela permaneza temporalmente pechada.

0.18211197853088