Estíbaliz Veiga leva ao Pazo de San Marcos unha reflexión sobre a violencia machista e o consentimento

O Pazo de San Marcos acolleu este domingo unha xornada de teatro e reflexión arredor da violencia machista e do consentimento protagonizada pola actriz lucense Estíbaliz Veiga. A actividade, organizada pola Deputación de Lugo dentro da programación conmemorativa do 25N, combinou a representación da obra 'Golpes' cun debate posterior sobre as relacións afectivas, os límites persoais e a importancia do consentimento no ámbito audiovisual.
A proposta, que constitúe a segunda actividade do programa provincial contra a violencia machista, comezou coa representación de 'Golpes', unha peza da compañía galega aAntena escrita e dirixida por Xosé Leis. A través da historia de Pamela, unha moza que vai cedendo espazo e liberdade en diferentes situacións cotiás, o espectáculo mostra como determinados comportamentos poden normalizarse ata desembocar nunha relación de violencia.
A obra pon o foco nos micromachismos, nos estereotipos de xénero e nos mecanismos de control que poden pasar desapercibidos nas primeiras etapas dunha relación. A intención é favorecer que o público identifique sinais de alerta e reflexione sobre os mitos do amor romántico e sobre aquelas dinámicas que limitan a liberdade individual.
A deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, e o deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, asistiron á actividade, que continuou tras a representación cunha análise audiovisual e un debate guiado.
O consentimento, tamén detrás das cámaras
A xornada completouse cunha charla sobre a pedagoxía do consentimento e a coordinación de intimidade no audiovisual, un ámbito no que Estíbaliz Veiga conta con experiencia profesional en producións de plataformas como Netflix.
A actriz explicou o traballo que se desenvolve para preparar as escenas íntimas dunha produción, desde a lectura do guión e a planificación previa ata os ensaios e a rodaxe. Un proceso no que resulta fundamental establecer de maneira clara os límites de cada intérprete, pactar as accións que se van realizar e garantir que todas as persoas implicadas se sintan cómodas e seguras.
A coordinación de intimidade busca que as escenas que inclúen contacto físico, desnudez ou situacións de carácter sexual se desenvolvan de maneira profesional, evitando improvisacións e garantindo que as decisións das persoas intérpretes sexan respectadas en todo momento.
Veiga incidiu na importancia de que o consentimento sexa libre, informado e reversible, así como na necesidade de establecer unha comunicación clara durante todo o proceso creativo. A sesión abordou tamén cuestións como a liberdade de decisión, o respecto aos límites propios e alleos, a presión de grupo e a responsabilidade afectiva.
Un programa provincial arredor do 25N
A actividade forma parte da programación impulsada pola Deputación de Lugo con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que combina propostas culturais, actividades educativas e accións de sensibilización para visibilizar as diferentes formas de violencia machista e promover relacións máis igualitarias.
O programa continuará o mércores 25 de novembro coa lectura do manifesto institucional e coa acción simbólica 'En camiño contra as violencias', protagonizada polo alumnado da Escola de Formación Audiovisual da Deputación.
A programación inclúe tamén outras propostas como o monólogo 'Esto no es amor', de Marina Marroquí, previsto para o 4 de decembro en Vilalba, e a intervención da escritora e activista Amelia Tiganus, que abordará a violencia sexual e a trata de mulleres con fins de explotación sexual o 10 de decembro no Pazo de San Marcos.