ExpoLugo A Rural reúne en Lugo razas autóctonas, produtos tradicionais e maquinaria agrícola

LugoXa
A mostra gandeira, instalada xunto ao Vello Cárcere, permite coñecer exemplares de diferentes razas e inclúe unha degustación gastronómica e unha exposición fotográfica sobre as explotacións da provincia
exporural-Lugo-26
10 Oct 2026

As razas autóctonas galegas e os produtos vinculados á gandería tradicional son os protagonistas de ExpoLugo A Rural, a mostra gandeira inaugurada esta mañá en Lugo polo vicepresidente da Deputación, Efrén Castro. O evento, organizado polo Pazo de Feiras e Congresos co financiamento da Vicepresidencia provincial, achega á cidade unha representación da diversidade gandeira galega.

Tras a apertura do recinto, situado xunto ao Vello Cárcere, Castro percorreu os postos e as corraletas, onde se exhiben exemplares de Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá, Vianesa e Rubia Galega, ademais de Ovella Galega, Cabra Galega, Porco Celta, cabalos de Pura Raza Galega, Galiña de Mos e Can de Palleiro. A mostra conta tamén con animais de razas foráneas, como vacas Limousin, ovellas Churra e cabras Florida, así como maquinaria clásica cedida por Muvicla.

Durante a visita, o vicepresidente provincial destacou a implicación das asociacións gandeiras e do persoal do Pazo de Feiras na preparación e organización da cita. Segundo sinalou, o encontro permite achegar o rural á cidade e ofrecer aos visitantes unha oportunidade para coñecer a actividade gandeira. Castro tamén incidiu na relevancia deste sector para a produción alimentaria e para a conservación do patrimonio natural e cultural galego.

A programación complétase cunha proposta gastronómica do programa "Un gusto de rural, un rural degusto", que ofreceu unha degustación de produtos procedentes de razas autóctonas. Entre as elaboracións que puido probar o público había minihamburguesas de vaca Frieiresa, empanada de Galo de Mos, boliños de salchichón de Porco Celta, bolos preñados de chourizo de Cabalo de Pura Raza Galega e croquetas de cordeiro de Ovella Galega.

A carón do espazo gandeiro tamén se pode visitar "Gardiáns", unha exposición fotográfica de Jorge Arévalo que retrata o día a día das explotacións da provincia que traballan con razas autóctonas.

ExpoLugo A Rural permanecerá aberta ata as 20.00 horas desta xornada e poderá visitarse mañá, de 11.00 a 14.30 horas.

0.14815902709961