Flor Rubinos anuncia que o Concello de Lugo contratará o servizo de baleirado de fosas sépticas para os núcleos do rural

O Concello de Lugo contratará o servizo de baleirado de fosas sépticas para os núcleos do rural que aínda non dispoñen de rede de saneamento. A concelleira de Medio Rural, Flor Rubinos, salientou que esta medida "é un compromiso que xa figuraba no programa electoral de Elena Candia nas eleccións municipais de 2023 e que posteriormente o Grupo Municipal Popular incorporou ás súas propostas para os orzamentos municipais de 2025".
A concelleira lembra que o Partido Popular xa defendeu esta medida no Pleno municipal celebrado en febreiro de 2025. Porén, a proposta contou cos votos en contra do PSOE e do BNG. “Levamos tempo defendendo que os veciños que aínda non teñen rede de saneamento deben contar cunha solución para o baleirado das súas fosas sépticas. Levámolo no noso programa electoral, incorporámolo ás propostas orzamentarias e levámolo ao Pleno", defendeu.
Neste sentido, a concelleira critica que o PSOE "pretenda agora presentar como propia unha iniciativa que xa fora defendida polo Partido Popular e rexeitada no Pleno polos socialistas e polo BNG".
Rubinos subliña que o actual Goberno municipal seguirá avanzando no proceso necesario para poñer en funcionamento este servizo, que permitirá ofrecer unha solución aos veciños das zonas rurais que aínda carecen de saneamento.
“Os veciños do rural levan demasiado tempo esperando solucións. Este Goberno colleu ese compromiso e vai cumprilo. Haberá servizo de baleirado de fosas sépticas no Concello de Lugo”, conclúe.