Jorge Bustos reclama ao Goberno local que reactive a Cidade do Deporte de San Fiz

O concelleiro do Grupo Municipal Socialista de Lugo, Jorge Bustos, reclamou ao Goberno local que reactive a tramitación da Cidade do Deporte de San Fiz e aclare en que estado se atopa o proxecto. O edil considera que esta actuación, concibida como a maior infraestrutura deportiva proxectada para Lugo no século XXI, corre o risco de quedar paralizada tras a moción de censura. A súa petición chega despois de que o Concello de Lugo anunciase en xullo que iniciara os trámites para construír un novo campo de fútbol de herba artificial en San Fiz.
A Cidade do Deporte foi concibida como un complexo integral destinado principalmente a reforzar o deporte base e afeccionado, cunha dimensión que vai moito máis alá dun equipamento deportivo convencional. O proxecto contempla un novo pavillón con tres pistas independentes de 40 por 20 metros, unha sala de musculación e espazos polivalentes para deportes de contacto e de solo, ademais dun novo campo de fútbol e outro de rugby. O complexo incluiría tamén vestiarios, bancadas e outros servizos complementarios.
Segundo Bustos, esta infraestrutura permitiría unha mellor distribución dos espazos deportivos da cidade e facilitaría que outras instalacións puidesen destinarse a disciplinas que actualmente carecen de pistas municipais específicas, como o bádminton ou o squash.
A actuación foi deseñada sobre unha parcela de máis de 32.000 metros cadrados e contempla unha superficie construída de 24.470 metros cadrados. "Non estamos falando dunha actuación menor nin dun equipamento máis. Estamos falando dunha infraestrutura capaz de cambiar completamente as posibilidades do deporte lucense e de dar resposta ás necesidades dos clubs, das escolas deportivas e das novas xeracións de deportistas", sinalou o concelleiro socialista.
Bustos lembrou que o anterior Goberno municipal deixou o proxecto nunha fase avanzada despois de máis de dous anos de traballo e dun proceso de análise das necesidades do tecido deportivo lucense. En xaneiro de 2026 anunciouse a contratación do proxecto por un importe superior aos 300.000 euros. "Estamos falando dun proxecto que non naceu dun anuncio improvisado nin dunha ocorrencia de última hora. Foi o resultado de máis de dous anos de traballo, de centos de horas de conversación cos clubs, entidades e axentes deportivos da cidade e dun estudo das necesidades que Lugo terá durante as próximas décadas", explicou.
O edil tamén puxo o foco no actual responsable municipal de Deportes, Damián Carballo, ao considerar que recibiu un proxecto xa definido e cunha contratación en marcha. "Damián Carballo non ten que empezar de cero. Non ten que descubrir cales son as necesidades do deporte lucense nin elaborar agora unha estratexia. O traballo estaba feito. O que ten que facer é xestionalo, darlle continuidade e conseguir que avance", afirmou.
Para Bustos, a eventual paralización tería un impacto especialmente negativo sobre o deporte base. "Lugo ten un tecido deportivo extraordinariamente dinámico, con centos de deportistas, clubs e escolas que necesitan instalacións adecuadas. Non podemos seguir pensando no deporte con solucións parciais ou temporais. Necesitamos planificación e equipamentos preparados para as próximas décadas", explicou.
Ademais, o edil reclamou ao Executivo municipal que explique publicamente en que estado se atopa a actuación e se existe intención de executala. Neste sentido, criticou tamén a falta de investimento que, ao seu xuízo, está chegando doutras administracións e citou posibles alternativas para ampliar ou mellorar os equipamentos deportivos da cidade, como os antigos Cash IFA ou o pavillón da OJE.
"Aínda estamos a esperar a choiva de millóns da Xunta en materia deportiva, así como o fixo noutras cidades. Eles mesmos poderían facer posible que os Cash IFA fosen unha instalación deportiva ao ter instrumentos que actúan sen ter en conta o Plan Xeral, ou mesmo negociar co Concello a rehabilitación do pavillón da OJE", indicou Bustos.