José Luis Díaz Núñez, toda unha vida dedicada á música en Lugo

GaliciaXa | LugoXa
Vinculado desde hai case catro décadas ao Festival de Jazz de Lugo e á Sociedade Filharmónica, o lucense reivindica a curiosidade, a diversidade musical e a importancia de aproveitar a oferta cultural da cidade, que estes días vive unha nova edición do festival de jazz
José-Luis-Díaz-Núñez
5 Nov 2026

Jessica Fernández

"A cultura é o único alimento que hai para o cerebro, non hai outro". José Luis Díaz Núñez ten clara a importancia da cultura na vida das persoas e leva boa parte da súa intentando que Lugo teña acceso a propostas musicais de calidade. Aos seus 63 anos, este arxentino de nacemento, pero lucense de toda a vida, acaba de xubilarse despois de traballar durante 40 anos como director administrativo e financeiro. Porén, a súa vinculación coa música e coa actividade cultural da cidade segue tan presente como sempre. O seu nome está ligado desde hai case catro décadas ao Festival de Jazz de Lugo e á Sociedade Filharmónica, dous proxectos que contribúen a manter viva unha programación cultural diversa e de calidade.

Coincidindo coa celebración dunha nova edición do Festival de Jazz de Lugo, que volve encher estes días a cidade de música, José Luis reivindica o valor de iniciativas que permiten achegar aos lucenses artistas e propostas que, en moitos casos, non resultan fáciles de atopar fóra dos grandes circuítos culturais. El coñece ben o traballo que hai detrás de cada concerto, pero tamén a satisfacción de conseguir que o público poida gozar de músicos de primeiro nivel a escasos metros de distancia.

A súa relación coa música comezou moito antes de formar parte de calquera asociación ou proxecto cultural. "Desde os 11 anos, na adolescencia, non facía outra cousa que escoitar música", lembra. Nunha época sen internet e cunha oferta radiofónica moito máis limitada, descubrir novos sons esixía paciencia, curiosidade e ganas de explorar. "Antes non era como agora, as cadeas de radio non che ofrecían outra música que non fose mainstream. A miña vida era explorar, xa que non había internet, así que era todo proba e erro".

Aquela inquietude levouno a mergullarse de cheo no universo musical: decidiu formar parte de grupos de rock e aprendeu a tocar a batería de maneira autodidacta, fixándose noutros músicos e escoitando discos unha e outra vez. Tamén pasou por algunha formación de folk, nun percorrido que lle permitiu coñecer moitas persoas vinculadas á música e que acabaría conducíndoo ata un dos espazos culturais máis recoñecibles de Lugo: o Clavicémbalo.

Alí empezou a tocar e a colaborar na programación de concertos. Daquela contorna xurdiu a Asociación de Amigos do Jazz Escobijazz, hai case 40 anos, co obxectivo de organizar actuacións na sala e promover o Festival de Jazz que se celebra, desde hai 36 anos, en novembro e que se consolidou como unha das citas musicais de referencia da cidade. Dos que puxeron en marcha aquel proxecto, José Luis sinala que aínda continúan vinculados principalmente Alberto Grandío e el.

Uns anos despois, a Sociedade Filharmónica de Lugo contactou con el e con outros amigos para incorporarse á súa directiva.

Tal como sostén Díaz, foi Xulián Parga "o responsable final da miña entrada na Sociedade Filharmónica, unha persoa admirable e entrañable para todo o mundo que o coñeceu. Tanto é así que o próximo 4 de decembro dedicaremos o concerto da Sociedade Filharmónica á súa lembranza e como homenaxe".

Desde entón, continúa formando parte da entidade como secretario, á que chegou con menos coñecementos sobre música clásica que sobre outros xéneros, pero coa mesma disposición a descubrir. "A miña relación coa música clásica era menor que a que podía ter co jazz ou co rock, pero a miña parella e a súa familia si que tiñan máis formación e fóronme atraendo a este ámbito musical. E, como a min sempre me puido a curiosidade, unínme ao proxecto".

Unha curiosidade que define boa parte da súa maneira de entender a música. "Do punk á música académica contemporánea, cáeme todo", resume. Esa amplitude de miras tamén se reflicte no seu traballo actual, xa que se encarga da programación da Sociedade Filharmónica, incluída a selección e busca dos concertos, mentres que no Festival de Jazz comparte esa responsabilidade con Alberto Grandío.

OS MELLORES CONCERTOS, PARA LUGO

A forma de construír ambas as programacións cambiou moito desde aqueles primeiros anos. Ao principio, o traballo consistía en buscar músicos, establecer contactos e deixarse levar polas recomendacións que ían xurdindo. "Cando empezamos hai trinta e pico anos iamos un pouco ás cegas: empezas a coñecer xente, diríxeste directamente aos músicos e eles vanche levando a outros, se cadra máis coñecidos". Agora, tanto a Filharmónica como o festival reciben centos de propostas e contan cunha ampla rede de contactos. "Ás veces, ata doe non poder contestar a cantidade de propostas que nos chegan". O problema, polo tanto, xa non é tanto atopar artistas como elixir entre todos os que poderían formar parte da programación. "Ao final, non nos queda máis remedio que seleccionar aquilo que ten máis sentido. Pero é difícil elixir, e sobre todo porque quereríamos facer 50 concertos, pero só podemos facer 10". Unha tarefa que esixe buscar un equilibrio entre as posibilidades económicas, a calidade das propostas e os intereses dun público que non sempre está disposto a saír das súas preferencias habituais.

Ese labor ten tamén un dos seus principais escaparates na Semana de Música do Corpus, que este ano celebrou a súa 53ª edición durante o mes de maio. Organizada polo Concello de Lugo e coa dirección artística da Sociedade Filharmónica, a cita permite acceder gratuitamente a concertos de música clásica de gran calidade. A entidade encárgase de deseñar a programación, mentres que a área de Cultura municipal asume a organización e facilita que todas as actuacións sexan de entrada libre.

Para José Luis, precisamente esa gratuidade é unha das grandes oportunidades que ofrece o ciclo, aínda que lamenta que non sempre se valore na súa xusta medida. "Quizais a xente non o valora o suficiente, pero neste festival dáse a oportunidade de acceder a concertos de moi alta calidade, sen ningún prezo, e é unha mágoa saber que persoas que gozarían deles non van".

Así, considera que aínda existen certos reparos cara á música clásica que impiden que parte da poboación se achegue a estas propostas. "Debería haber colas para entrar", afirma. Tamén cre que pode existir certo prexuízo pola asociación histórica da música clásica coa Igrexa, algo que, ao seu xuízo, non responde á realidade da programación. Nos últimos anos, o ciclo preséntase como Festival Cidade de Lugo, aínda que mantén a referencia á Semana de Música do Corpus por tradición. José Luis explica que a presenza de obras sacras responde fundamentalmente a razóns históricas e musicais. Se se quere programar música dos séculos XVI ou XVII, resulta practicamente imposible separala do seu contexto relixioso, porque boa parte das composicións daquela época estaban destinadas á Igrexa. "Non podes separar a obra de Bach da música sacra", apunta. Porén, insiste en que o festival non ten unha vinculación relixiosa nin católica. "Si, no fondo hai unha certa espiritualidade, pero non relixión".

Sobre a resposta da sociedade lucense, considera que é boa se se compara coa doutros lugares do país, aínda que recoñece que aínda existe marxe para ampliar o público. "Hai moita xente interesada, pero non é tanta se non facemos unha programación máis aberta", explica. Por iso, a selección de concertos intenta combinar diferentes estilos e propostas, sen limitarse a un único perfil de espectador. Para ilustralo, recorre a unha comparación coa literatura: "Supoño que pasa igual se estás intentando traer un escritor e todo o mundo pide na libraría o mesmo bestseller. Entón buscamos un equilibrio".

A CURIOSIDADE COMO FORMA DE ACHEGARSE Á CULTURA

O público que acode habitualmente a estes concertos é, segundo recoñece, maioritariamente adulto e de idade avanzada. Unha realidade que o leva a reflexionar sobre a relación da sociedade coa cultura e sobre a necesidade de facer un esforzo persoal para descubrir propostas diferentes. Entende que, despois dunha xornada laboral, moitas persoas prefiran quedar na casa, pero considera que non debería ser un impedimento para gozar doutras experiencias. "Chegas á casa, pos a televisión e consumes programas que non che achegan nada, porque son baleiros. Porén, a 100 metros da túa casa hai un concerto que, ás veces, é unha boa medicina. Pois é unha mágoa que non vaias", reflexiona. Nese sentido, considera que a programación do Festival de Jazz ou da tempada de concertos da Sociedade Filharmónica ofrece a oportunidade de gozar en Lugo de artistas internacionais de primeiro nivel. "O que intentamos que a xente entenda é que persoas como as que veñen ao Festival de Jazz, como James Carter, e velo a cinco metros, facendo a súa arte, sentado, tomando unha cervexa, a nivel internacional non é nada fácil".

Por outra banda, sinala que un dos problemas actuais é a enorme segmentación dos gustos musicais, que leva moitas persoas a permanecer dentro do seu propio estilo sen explorar outros territorios. Recoñece que non sempre é fácil entrar nunha proposta diferente, pero considera que agora existen moitas máis posibilidades para facelo que na súa mocidade. "Na miña época, comprabamos discos polas portadas, non tiñamos oportunidade de ver que había dentro. Escoitabamos o disco enteiro un montón de veces e acababa gustándoche".

O seu compromiso coa cultura tampouco remata nas iniciativas que el mesmo organiza. José Luis procura participar noutras propostas da cidade, desde o Facela Fest ata a Semana do Cine, pasando polas actividades do Club Cultural Valle-Inclán ou os concertos do Clavicémbalo. É a súa maneira de entender a vida cultural como un conxunto de iniciativas que se complementan e que necesitan tamén dun público disposto a coñecelas. "Ás veces é difícil ir a todo e entendo que non hai maneira de acceder á cultura sen un esforzo persoal, é vontade e ganas de informarse sobre o que vas ir ver", recoñece. Pero insiste en que paga a pena saír do coñecido e experimentar. "É bonito experimentar e ter capacidade de curiosidade para gozar de propostas culturais que ás veces escapan ao noso control".

Esa mesma curiosidade segue presente na súa relación persoal coa música, que asegura que está en constante evolución. "Eu estou cambiando constantemente, intentando buscar cousas novas, evolucionando, etc.". Tamén observa con interese como determinados sons e propostas que hoxe parecen novidosos teñen antecedentes noutras épocas. Como exemplo, menciona a actuación de Bad Bunny na Super Bowl e a súa relación con propostas musicais anteriores: "Fixo o mesmo que facía Rubén Blades hai 30 anos. Paréceme moi curioso como se replican situacións coma se fose algo novo".

Esa disposición a escoitar, descubrir e deixarse sorprender é, en definitiva, a mesma que acompañou a José Luis desde aqueles primeiros discos dos Beatles ata a súa implicación actual no jazz e na música clásica. Unha actitude que tamén reivindica para Lugo, unha cidade que conta cunha oferta cultural diversa, pero que necesita que os seus veciños se animen a participar e a aproveitala.

Agora, cunha nova edición do Festival de Jazz en marcha, a súa invitación é clara: achegarse aos concertos, descubrir artistas e permitirse gozar de experiencias que quizais non estaban entre os plans iniciais. Porque, despois de tantos anos dedicados a buscar músicos e construír programacións, José Luis segue convencido de que a cultura non é un complemento prescindible, senón unha necesidade. E, como el mesmo lembra, "un bo concerto ás veces é unha boa medicina".

0.15774297714233