O Festival de Música Cidade de Lugo celebra a súa edición máis internacional con sete concertos

LugoXa
O 53º certame reúne formacións de prestixio internacional entre o 13 e o 30 de maio en distintos escenarios da cidade
presentacion-53-Festival-de-Música-Cidade-de-Lugo-2026
17 Apr 2026

O 53º Festival de Música Cidade de Lugo desenvolverá unha programación composta por sete concertos entre o 13 e o 30 de maio, consolidando unha edición marcada polo seu carácter internacional e pola diversidade de estilos musicais.

O Festival de Música Cidade de Lugo está organizado pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación (Área de Cultura) e a Sociedade Filharmónica de Lugo.

Tradicionalmente coñecido como a Semana da Música do Corpus, que reúne anualmente a grandes figuras do panorama musical nacional e internacional en Lugo e que desde hai anos amplíou a súa dimensión a máis dunha semana de duración.

O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, destacou que se trata do festival de música máis antigo de Galicia e un dos máis veteranos do Estado, subliñando que este ano inclúe artistas e formacións de recoñecido prestixio internacional.

A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, puxo en valor o compromiso coa música e o apoio ao tecido asociativo a través da Sociedade Filharmónica, destacando que o obxectivo é achegar á veciñanza propostas culturais que doutro xeito non serían accesibles en Lugo. Engadiu que o festival mantén ano tras ano unha programación de gran calidade e coidada selección artística.

Os concertos celebraranse no Círculo das Artes, con entrada gratuíta ata completar aforo, e no Auditorio Fuxan os Ventos, con entradas a 5 euros dispoñibles en entradaslugo.es e na Oficina de Turismo da praza do Campo.

A programación abrirase o 13 de maio no Auditorio Fuxan os Ventos coa Accademia del Piacere & Constantinople, baixo a dirección de Fahmi Alqhai e Kiya Tabassian, cun proxecto que une repertorios de España, Persia e Asia Central. O 19 de maio o Círculo das Artes acollerá o dúo formado por Josu de Solaun e Adolfo Gutiérrez Arenas, con obras do álbum “Parisien”.

O 21 de maio actuará o Amatis Trio, formación de piano e corda recoñecida internacionalmente pola súa traxectoria en grandes festivais e salas de concertos. O 22 de maio será a quenda da Orquestra Sinfónica Cristóbal Halffter, con repertorio de Rodrigo e Falla, nun concerto conmemorativo do centenario de Manuel de Falla.

O 23 de maio chegará o Ensemble Danguy, especializado na zanfona barroca, con repertorios do século XVIII pouco interpretados na actualidade. O 27 de maio actuarán Musica Boscareccia, con obras de Schubert, Schumann e Haydn. Pechará o ciclo o 30 de maio a Orquestra Barroca Vigo 430, con dirección de Rachell Ellen Wong, nun programa dedicado ao barroco europeo con obras de Vivaldi, Purcell, Locke e C.P.E. Bach.

0.11830902099609