Lugo celebra o Día Internacional dos Museos cun concerto na Caixa Negra do MIHL

A Asociación Cultural Tele-Clube de Lugo e a Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo organizan un concerto polo Día dos Museos, que se celebra o 18 de maio ás 18:00 horas da banda TRASPIELAS na Caixa Negra do MIHL.
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, afirmou que “celebramos unha xornada importante nas salas museísticas municipais abríndoas á veciñanza e achegando a Lugo propostas culturais de gran calidade procedentes de Galicia”.
Ferreiro animou á veciñanza a participar na actividade, que será gratuíta, e sostivo que “as distintas salas museísticas permítennos coñecer a historia de Lugo, desde a época romana ata os nosos días, e son un gran atractivo tanto para as veciñas e veciños de Lugo como para os miles de turistas que ano tras ano visitan estas instalacións”.
Traspielas é un proxecto musical e artístico liderado por Su Garrido Pombo, que celebra a memoria colectiva da aldea de Traspielas, en Fornelos de Montes. O grupo, integrado tamén por Macarena Montesinos (violonchelo), Iago Ramilo (saxo), Marco Maril (electrónica) e Fran Rodríguez Casal (visuais), combina música tradicional, electrónica e experimentación para reinterpretar cancións tradicionais e crear unha proposta contemporánea que pon en valor a cultura popular local.
O proxecto busca preservar e revitalizar a música tradicional, permitindo que estas cancións sigan vivas e formando parte da vida comunitaria. As cancións son revisitadas con novos arranxos e acompañadas de audiovisuais, textos e escenografías creadas a partir da escoita da memoria local, establecendo un diálogo entre pasado, presente e futuro. O proxecto céntrase en reinterpretar 11 pezas tradicionais recollidas na aldea —xotas, muiñeiras, cantos de berce, romances— dende unha perspectiva multidisciplinar e contemporánea
Este é o terceiro ano que Tele-Clube colabora co concello de Lugo no deseño de algunha actividade para a promoción dos museos da cidade de Lugo nesta data.
O Día Internacional dos Museos celébrase anualmente desde 1977, e ten como obxectivo concienciar sobre a utilidade dos museos como un importante medio para o intercambio cultural e o enriquecemento da sociedade.