O Concello de Lugo impulsa a rehabilitación da Milagrosa e Feijoo cun proxecto de 13,5 millóns de euros

LugoXa
O proxecto abrangue un total de 475 vivendas distribuídas en 27 rúas e permitirá aos propietarios acceder a axudas de entre os 34.000 e os 50.500 euros
Exportar Barrio Feijoo
Actualizada el 17 junio 2026, 12:22 horas
15 Jun 2026

A Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo aprobou a solicitude de declaración da Área de Rehabilitación Integral (ARI) para os barrios da Milagrosa e Feijoo, unha iniciativa que permitirá mobilizar ata 13,58 millóns de euros destinados á rehabilitación de vivendas e á mellora do espazo público nestes dous ámbitos urbanos.

A proposta supón o desbloqueo dun expediente iniciado no ano 2015 que permanecía pendente de completar diversos trámites administrativos. O actual Goberno local conseguiu rematar en apenas un mes a documentación necesaria para presentar formalmente a candidatura ante o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

O proxecto abrangue un total de 475 vivendas distribuídas en 27 rúas dos barrios da Milagrosa e Feijoo e permitirá aos propietarios acceder a axudas que oscilarán entre os 34.000 e os 50.500 euros por inmoble para actuacións de rehabilitación integral, mellora da eficiencia enerxética, accesibilidade, conservación e habitabilidade.

Entre as intervencións previstas inclúense a instalación de ascensores, melloras en escaleiras, cubertas e fachadas, substitución de fiestras, reforzo de illamentos, renovación de sistemas de calefacción e ventilación, instalación de paneis fotovoltaicos e outras actuacións destinadas a incrementar a eficiencia dos edificios e a calidade de vida da veciñanza.

No barrio da Milagrosa, a área delimitada comprende o ámbito formado pola Avenida da Coruña, Río Navia, Concepción Arenal e a secuencia das rúas Milagrosa, Camiño Real e Mar Cantábrico. A memoria aprobada inclúe actuacións nas rúas A Milagrosa, Das Fontes, Curros Enríquez, Praza da Milagrosa, Mallorca, Avenida da Coruña, Concepción Arenal, Camiño Real, da Xesta, Pontevedra, Tui, Lamas de Prado, Mondoñedo, Río Navia, do Prado e Mar Cantábrico.

Pola súa parte, no barrio Feijoo, o perímetro abrangue as rúas Río Cabe, Praza das Reboiras, San Lourenzo, Santo Antonio, Juana Ibarborou e Perpetuo Socorro. Tamén quedan incluídas as rúas San Lourenzo, Santo Antonio, Río Parga, Juana Ibarborou, Praza das Reboiras, Alexandre Bóveda, San Vicente, Río Cabe, Perpetuo Socorro, Otero Pedrayo e Menorca.

A declaración da ARI permitirá actuar non só sobre os edificios residenciais, senón tamén impulsar melloras no espazo público e consolidar unha estratexia de transformación urbana a medio prazo. Ademais, esta figura posibilitará ao Concello optar a futuras liñas de financiamento ata o ano 2030 para continuar avanzando na rexeneración destes barrios.

O Goberno local destacou que esta iniciativa representa unha oportunidade histórica para revitalizar dous dos barrios máis poboados da cidade, mellorar a calidade das vivendas e impulsar a modernización urbana de Lugo.

REACCIÓN DO PSOE

O exconcelleiro de Urbanismo, Jorge Bustos, reivindicou o traballo desenvolvido polo anterior Goberno local para facer posible a candidatura de Lugo á nova convocatoria das Áreas de Rehabilitación Integral (ARI), despois das declaracións realizadas polo actual Executivo municipal atribuíndose a elaboración da documentación presentada.

Para Bustos, as afirmacións realizadas polo Goberno local constitúen “un intento obsceno de apropiarse do traballo alleo” e deixan en evidencia tanto ao responsable da área como ao conxunto do Executivo.

“Pensar que a cidadanía vai crer que toda a documentación técnica esixida para concorrer a unha convocatoria destas características foi elaborada en pouco máis dun mes, sen licitación, sen contratación externa e sen ningún procedemento administrativo previo é simplemente faltar á verdade”, afirmou.

O exresponsable de Urbanismo lembrou que o expediente presentado é o resultado de meses de traballo técnico e administrativo desenvolvidos durante o anterior mandato, cando el mesmo dirixía a área e Miguel Fernández ocupaba a Alcaldía.

“Estamos a falar dun proceso extremadamente complexo que require estudos urbanísticos, análises edificatorias, delimitacións cartográficas, memoria socioeconómica, programación de actuacións, estimacións orzamentarias e abundante documentación técnica. Nada diso se improvisa nin aparece de forma espontánea dun día para outro”, explicou.

Bustos detallou que o material técnico requirido foi elaborado polo estudo GAO Arquitectura, adxudicatario do correspondente contrato promovido polo anterior Goberno municipal, nun traballo que definiu como “minucioso, rigoroso e coral”, no que tamén participaron activamente distintos servizos técnicos municipais, como arquitectura, para adaptalo a convocatoria actual.

“O documento que hoxe presenta o Goberno local é o resultado dun contrato impulsado polo anterior Executivo e do esforzo coordinado de profesionais externos e empregados públicos municipais. Pretender apropiarse agora dese traballo é unha falta de respecto tanto aos autores do proxecto como aos técnicos que participaron na súa elaboración”, asegurou.

Ademais, explicou que o anterior Goberno xa deixara encamiñada a interlocución institucional necesaria para defender a candidatura de Lugo ante as administracións competentes. Neste sentido, lembrou que estaban previstas varias reunións de traballo con responsables do Ministerio de Vivenda, entre elas un encontro co secretario de Estado, para abordar o desenvolvemento desta convocatoria e as possibilidades de financiamento para a cidade, e que ian dar continuidad as mantidas polo entonces alcalde Miguel Fernández e Hipólito Pérez como Director Xeral de Urbanismo.

“O noso Goberno non só deixou preparado o expediente técnico. Tamén deixou avanzado o traballo político e institucional necesario para garantir que Lugo estivese en condicións de competir polos fondos de rehabilitación”, sinalou.

Bustos lembrou que estes programas están financiados polo Estado, aínda que a súa distribución e xestión se canaliza a través das comunidades autónomas, e aproveitou para denunciar a actuación da Xunta de Galicia na anterior convocatoria.

“Resulta incomprensible que a Xunta deixase sen executar máis de 800 millóns de euros destinados á rehabilitación e que nin sequera chegase a convocar unha segunda fase dos programas coñecidos daquela como ERRP. Estamos a falar dunha oportunidade histórica perdida para milleiros de familias e para numerosos concellos galegos”, afirmou.

Para concluír, o exconcelleiro asegurou que “o importante é que Lugo poida beneficiarse destes recursos”, pero advertiu que “a xestión pública tamén esixe honestidade e rigor”.

“Os proxectos teñen unha tramitación, os expedientes teñen autores e o traballo técnico merece respecto. O que non pode facer un Goberno é atoparse unha candidatura practicamente rematada, presentada grazas ao traballo do mandato anterior, e intentar vendela como un logro propio. Iso non é xestión; é propaganda”, concluíu.

O PP responde que os socialistas non chegaron a solicitar ningunha axuda nin a iniciar o trámite

Os populares sinalan que a declaración da Área de Rehabilitación Integral (ARI) dos barrios da Milagrosa e Feijoo foi anunciada en numerosas ocasións polos anteriores responsables municipais, pero que nunca chegou a completarse a súa tramitación. Neste sentido, explican que o acordo aprobado recentemente pola Xunta de Goberno Local supón precisamente o paso que quedara pendente para iniciar formalmente o procedemento e facer posible esta actuación.

“O importante non é quen fala do proxecto nunha rolda de prensa, senón quen realiza o traballo necesario para que as axudas poidan chegar aos veciños e veciñas”, indican desde o PP, que consideran que a cidadanía leva demasiado tempo escoitando promesas sen que se materialicen en feitos.

Desde o Goberno local consideran difícil comprender a reacción do PSOE ante os avances realizados nas últimas semanas. “Resulta sorprendente que se critique a un Executivo que, en pouco máis dun mes, está a impulsar actuacións que eles non foron capaces de tramitar en case tres décadas”, afirman.

Os populares engaden que as declaracións dos socialistas transmiten a sensación de incomodidade porque se estean dando pasos reais para converter en realidade unha iniciativa que durante anos quedou limitada a anuncios. Ademais, consideran especialmente preocupante que, ao cuestionar o traballo realizado, tamén se estea poñendo en dúbida o labor dos técnicos e funcionarios municipais que participaron na elaboración e tramitación do expediente.

Por último, o PP entende que o PSOE debería ofrecer explicacións á cidadanía sobre os motivos polos que unha actuación que consideran prioritaria permaneceu sen tramitar durante tantos anos. “Máis que criticar o traballo que se está facendo agora, deberían pedir desculpas aos lucenses por décadas de promesas incumpridas e explicar por que este proxecto seguía sen avanzar despois de 27 anos de goberno municipal”, conclúen.

A asociación veciñal da Milagrosa acusa ao PP de apropiarse do traballo do plan de rehabilitación do barrio

A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa de Lugo criticou con dureza a actitude de tres representantes do PP —Elena Candia, Ramón Arias e Cabarcos— aos que acusa de presentarse como impulsores do Plan de Rehabilitación do barrio sen ter participado, segundo sinalan, no seu desenvolvemento ao longo dos últimos doce anos.

A entidade veciñal considera “chocante” que estas tres persoas pretendan agora atribuírse un proxecto que, segundo defenden, foi froito dun longo traballo conxunto entre a veciñanza, o tecido social, GAU e anteriores gobernos municipais, e denuncia o que cualifican como unha “apropiación” dun labor colectivo.

Segundo a asociación, durante todo o proceso de tramitación do plan o PP limitouse a poñer dificultades e obstáculos, tanto a nivel municipal como noutras administracións, algo que, ao seu xuízo, atrasou a posta en marcha do programa de rehabilitación na Milagrosa.

A entidade sostén que o traballo técnico previo —incluíndo planos, delimitación de rúas, enquisas a persoas afectadas e reunións informativas— foi desenvolvido fundamentalmente por GAU en colaboración coa veciñanza e coas corporacións municipais anteriores, polo que rexeitan calquera intento de apropiación política do proxecto.

Así mesmo, a asociación acusa á Xunta de Galicia de ter dificultado de maneira reiterada a execución do plan ao longo destes anos e asegura que o barrio sente que se está a manipular o relato político arredor dun proxecto de gran importancia para a zona.

Finalmente, a entidade veciñal conclúe que os representantes populares aos que se refire só estarían interesados na visibilidade pública e na foto, mentres que o verdadeiro traballo, segundo indican, foi realizado pola veciñanza da Milagrosa ao longo de máis dunha década.

0.11797094345093