Lugo Monumental recorrerá nos tribunais a ordenanza da Zona de Baixas Emisións

LugoXa
A asociación considera insuficientes os cambios introducidos no texto definitivo e cuestiona a súa legalidade
proxecto-Corazón-Verde-centro-de-Lugo
3 Aug 2026

A Asociación Lugo Monumental anunciou a súa intención de impugnar xudicialmente a ordenanza reguladora da Zona de Baixas Emisións (ZBE) do casco histórico de Lugo, aprobada definitivamente no pleno municipal da pasada semana. A decisión foi adoptada por unanimidade tras un debate interno entre os asociados.

O colectivo recoñece que durante a tramitación incorporáronse melloras ao texto inicial, pero considera que estas modificacións non resolven os problemas de fondo da norma. Segundo sinala, a redacción continúa sendo complexa e presenta, ao seu xuízo, importantes dúbidas xurídicas sobre a súa legalidade.

Entre os aspectos que cuestiona a asociación atópase o mantemento dun agravamento das sancións do 30 % en caso de reincidencia sen que se contemple unha redución do 50 % por pronto pagamento. Tamén critica que se manteña o límite de dúas horas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida nas prazas reservadas, así como a falta de mecanismos máis áxiles para autorizar accesos vinculados a reparacións urxentes.

Lugo Monumental lembra que presentou alegacións durante a fase de exposición pública e asegura que a maioría foron rexeitadas. Con todo, destaca que algunhas das modificacións finalmente incorporadas ao texto, como a equiparación de bicicletas e patinetes co resto dos vehículos, coinciden con propostas formuladas pola propia entidade.

A asociación tamén cuestiona que unha ordenanza de baixas emisións non estableza referencias concretas ás emisións contaminantes e sostén que as restricións previstas céntranse principalmente no uso e no peso dos vehículos. Fronte a este modelo, propón medidas máis flexibles, que poidan activarse en función dos niveis de contaminación ou mediante limitacións horarias e en días determinados.

Desde Lugo Monumental insisten en que non están en contra da peonalización do casco histórico, senón de determinadas medidas que consideran prexudiciais para a actividade económica e social da zona. Neste sentido, reclaman que as restricións ao tráfico privado vaian acompañadas dun reforzo do transporte público e doutros sistemas alternativos de mobilidade.

A entidade defende que a presentación do recurso responde a un criterio de coherencia e independencia e lembra que xa impugnou noutras ocasións normativas municipais e autonómicas que posteriormente foron anuladas polos tribunais.

O prazo para presentar o recurso será de dous meses desde a publicación da ordenanza no Boletín Oficial da Provincia, trámite que aínda está pendente.

0.12275004386902