Lugo Monumental remitiu ao Parlamento galego a súa proposta para a estación de autobuses

A asociación Lugo Monumental trasladou aos grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia a súa proposta para o futuro da actual estación de autobuses de Lugo, co obxectivo de evitar o seu posible abandono unha vez que se complete a posta en marcha da nova estación intermodal.
A entidade lembra que xa no mes de outubro presentou unha alternativa concreta que pasa por manter unha parada de autobuses interurbanos no centro da cidade, unha fórmula que, segundo apuntan, xa funciona noutros municipios como A Coruña, onde existe a parada de Entrexardíns. Neste sentido, argumentan que, aínda que a intermodal non se atopa lonxe do casco histórico, a forte pendente existente dificulta a accesibilidade, unha circunstancia que foi recoñecida por distintas administracións.
Ademais da continuidade do servizo de transporte, Lugo Monumental propón unha nova utilidade para o edificio da actual estación, combinando usos culturais, actividades de promoción económica e a creación dun centro de apoio ás empresas do casco histórico a través dun espazo loxístico. A idea inclúe tamén a transformación dunha parte das instalacións en zona verde, co obxectivo de paliar a escaseza de espazos axardinados na cidade.
A asociación considera oportuno reactivar este debate agora que a finalización da estación intermodal se atopa próxima, e tras a iniciativa do BNG de levar este asunto ao Parlamento de Galicia. Ao seu xuízo, o escenario máis negativo sería o traslado das liñas sen un destino definido para o edificio actual, o que podería derivar no seu peche e abandono no centro urbano, cun risco elevado de deterioro, como xa ocorreu con outras infraestruturas da cidade.
Lugo Monumental subliña que os inmobles sen actividade sofren un deterioro máis acelerado, polo que defende a necesidade de planificar o seu futuro con antelación para evitar problemas posteriores.
A proposta xa fora recibida de maneira positiva pola Xunta de Galicia e tamén obtivo o apoio do Pleno do Concello de Lugo no mes pasado, segundo lembra a propia asociación, que insiste en que o obxectivo é garantir un uso útil e sostible para un edificio de gran tamaño e relevancia no centro da cidade.