Lugo prepara un Nadal con máis de 1,3 millóns de luces, mercados e máis dun cento de actividades

LugoXa
O alumeado acenderase o 4 de decembro e chegará a rúas, prazas e barrios con 241 arcos, 12 árbores e novas estacións decorativas na zona norte. A programación incluirá concertos internacionais, propostas infantís, obradoiros, mercados e actividades para todas as idades
Nadal-decoración-Lugo-25
24 Nov 2026

Lugo dará a benvida ao Nadal o vindeiro 4 de decembro cunha iluminación renovada e unha programación que combinará grandes citas culturais, actividades familiares e iniciativas para dinamizar o comercio local. A cidade contará con máis de 1,3 millóns de microLED, 241 arcos luminosos, 12 árbores de Nadal e máis de medio cento de elementos decorativos en 3D, repartidos por rúas, prazas, rotondas e distintos barrios.

O programa municipal incluirá máis dun cento de actividades e preto de 60 obradoiros e sesións formativas para todas as idades, con propostas de cociña, reciclaxe, creatividade, artesanía e decoración, ademais de concertos, espectáculos itinerantes e actividades en espazos cubertos tanto na cidade como no rural.

Máis de 1,3 millóns de luces e novas decoracións nos barrios

A iluminación navideña contará con 1.313.757 microLED e cubrirá unha superficie de 15.247,68 metros cadrados. Haberá arcos luminosos en numerosas rúas do centro e doutros puntos da cidade, así como instalacións de maior formato en prazas emblemáticas.

Entre as propostas destacan as sombrillas luminosas de Santo Domingo, formada por 42 guirnaldas de 24 metros e integrada nun tren de luz transitable; a da praza de Avilés, con 24 guirnaldas de 16 metros; e a da praza de Augas Férreas, tamén con 24 guirnaldas microLED de 24 metros. Na praza da Soidade instalaranse 20 guirnaldas de 12 metros e unha figura luminosa en 3D, mentres que a praza do Campo contará cun teito de luz con 120 guirnaldas microLED de catro metros de caída. Os soportais da Catedral e de Bo Xesús incorporarán cortinas luminosas e cinco bolas tridimensionais.

A decoración estenderase tamén aos edificios e espazos municipais, como a fachada da Casa do Concello, o Vello Cárcere, as salas museísticas da Porta Miñá, o Mercado Municipal e a Praza de Abastos. Manterase a árbore de luz do cemiterio de San Froilán e decorarase o quiosco da música da Praza Maior.

As árbores luminosas estarán repartidas por diferentes puntos. Na praza do Rei colocaranse tres cerdeiras de 4,25 metros e na rotonda da avenida das Américas instalarase outra figura deste tipo. A Fonte dos Ranchos contará cunha árbore de dez metros e un rótulo luminoso, mentres que o MIHL e a Milagrosa terán árbores tipo piñeiro italiano, tamén de dez metros. Haberá ademais unha árbore artificial de oito metros na avenida de Alfonso X e outra en forma de cono, de cinco metros, na praza do Ferrol.

A estes elementos sumaranse cinco piñeiros italianos de dez metros nas avenidas da Coruña e Adolfo Suárez, na rotonda de Monforte con Río Sil, na estrada vella de Santiago —na rotonda de Portomarín— e na avenida de Madrid.

A decoración incluirá tamén dous cascanoces de catro metros na rúa Bispo Aguirre, un piano con banco na praza da Mosquera e elementos tipo photocall na Milagrosa, no Castiñeiro e na rúa Rafael de Vega. Na rúa Isaac Díaz Pardo colocarase unha figura tridimensional de dous metros e haberá outra na confluencia de Lamas de Prado con Quiroga. Na mediana da avenida Ramón Ferreiro instalarase un conxunto de renos luminosos.

Catro estacións decorativas na zona norte

Unha das novidades serán catro estacións temáticas identificadas coas letras L, U, G e O, que xuntas formarán o nome de Lugo. Estarán situadas no barrio da Residencia, na praza diante do CIS; en Agro do Rolo; na rúa Menorca e no parque da Milagrosa.

Cada espazo terá unha superficie mínima de 50 metros cadrados e contará cunha composición propia de elementos decorativos de gran formato. En conxunto, reunirán polo menos doce figuras, con dúas de máis de dous metros de altura en cada estación. A intención é crear novos puntos de encontro e espazos para fotografar o Nadal nos barrios.

A Praza Maior volverá ser un dos principais escenarios destas festas. No centro instalarase unha árbore en forma de cono de 20 metros de altura, transitable polo seu interior, acompañada dun conxunto tridimensional con cinco figuras do nacemento. A decoración completarase co adorno do quiosco da música e a iluminación da fachada da Casa do Concello.

Mercado de Nadal, feira infantil e actividades para apoiar o comercio local

A Praza Maior acollerá do 4 de decembro ao 5 de xaneiro o Mercado de Nadal, unha pequena vila con casetas de madeira na parte posterior da explanada, detrás do quiosco de turismo. Os postos de alimentación situaranse nun dos laterais e o mercado abrirá en horario de mañá e tarde.

A programación comercial incluirá tamén a segunda Feira de Emprendemento Infantil para o Comercio 2026, que se celebrará o sábado 12 de decembro, de 10:00 a 21:30 horas, na planta baixa da Praza de Abastos. Ademais, os días 15, 16 e 17 de decembro desenvolverase unha nova edición de Diversiarte, coa colaboración de entidades sociais. O primeiro día abrirá pola tarde e os dous seguintes durante toda a xornada.

Os barrios de Augas Férreas e Fontiñas estrearán un programa especial con visitas do Carteiro Real, actuacións de corais en dúas xornadas, música tradicional galega de Nadal e animación itinerante. En Augas Férreas instalarase tamén un tren infantil cuberto no centro da praza. A programación completarase coa actuación do Rancho de Reis, formado por danzantes e cantareiros acompañados por un cuarteto de gaitas que interpretará e bailará repertorio tradicional galego destas datas.

Dous carruseis gratuítos e catro paseos guiados por Lugo

O Nadal contará con dous carruseis infantís, situados na praza do Ferrol e en Agro do Rolo, aos que se poderá acceder de balde mediante bonos. O Concello distribuirá estes vales a través de acordos con establecementos comerciais e hostaleiros, así como entre as persoas que participen nas visitas guiadas da programación.

Estas rutas, que terán como punto de saída o Mercado de Nadal da Praza Maior, permitirán descubrir diferentes aspectos do patrimonio e dos atractivos da cidade. Haberá catro percorridos, todos cunha duración aproximada de dúas horas: o 19 de decembro, ás 11:00 horas, "Arte nas rúas"; o 23 de decembro, ás 17:00 horas, "Patrimonio milenario"; o 26 de decembro, ás 11:00 horas, "Patrimonio natural"; e o 30 de decembro, ás 17:00 horas, "Patrimonio contemporáneo".

Preto de 60 obradoiros para todas as idades

A programación incluirá preto de 60 obradoiros e sesións formativas en distintos espazos. Na Praza Maior haberá un obradoiro infantil diario, cun mínimo de 30 propostas, mentres que o Mercado Municipal acollerá actividades de cociña, reciclaxe e creatividade para nenos e nenas.

A Fábrica da Luz ofrecerá sesións de *showcooking*, catas inmersivas de viños galegos e microobradoiros sobre protocolo e decoración da mesa. No Coliving Artístico Municipal organizaranse talleres de creación téxtil con técnicas de *ecoprint* e serigrafía, elaboración de candeas aromáticas e perfumería sólida, así como creación de coroas e centros decorativos con botánica silvestre.

O Vello Cárcere incorporará como novidade actividades dirixidas a maiores de 60 anos. Tamén haberá obradoiros con temática de Nadal os sábados no soto da Praza de Abastos e propostas nas salas museísticas: xogos para resolver enigmas na sala Porta Miñá e actividades na Casa dos Mosaicos, no Centro de Interpretación da Muralla, no Centro Arqueolóxico de San Roque e na sala de exposicións Porta Miñá os días 23 e 26 de decembro.

Martha Argerich, Al Di Meola e unha ampla programación musical

A programación cultural reunirá artistas internacionais, formacións galegas e agrupacións locais de estilos moi diferentes, desde o jazz, o gospel e a música clásica ata o pop, a música tradicional e coral.

Unha das grandes citas será o concerto de Martha Argerich, considerada unha das pianistas máis prestixiosas do mundo e gañadora de tres premios Grammy, que actuará o 16 de decembro no Auditorio Fuxan os Ventos xunto ao pianista galego Pablo Galdo.

Tamén destaca a actuación de Al Di Meola, unha das grandes figuras da guitarra no jazz e na música de fusión, que ofrecerá o 1 de decembro, ás 20:00 horas, un concerto no Auditorio Fuxan os Ventos. Será a súa única actuación en España. Pola súa banda, a intérprete de fado María do Ceo actuará o 25 de decembro na Catedral de Lugo.

A programación musical completarase con Sergey Malov, Great Straits, Negri Heredia, Concentus Lucensis, Miguel Costas, Gospel Choir, Cuarteto Gerhard, Ismael Serrano, Terra Nova, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, a Sinfónica de Ponferrada e Alabama Gospel Choir. Tamén participarán a Banda Municipal de Música e o Conservatorio de Danza.

Os concertos e espectáculos desenvolveranse en diferentes espazos, como os auditorios Fuxan os Ventos e Gustavo Freire, o Círculo das Artes, a Catedral, a Praza Maior e o Mercado Municipal.

A Banda Municipal achegará ademais a música do Nadal ás persoas maiores cunha programación especial nas residencias e centros de atención. Os seus grupos de cámara ofrecerán actuacións en dez centros da cidade e do municipio entre o 16 e o 23 de decembro.

Cine, contacontos, maxia e musicais para o público infantil

A programación familiar combinará música, teatro, contacontos e maxia. Unha das principais novidades será a carpa interxeracional da praza da Horta do Seminario, ambientada arredor dun conto de Nadal e cunha programación diaria e gratuíta para todos os públicos.

O espazo ofrecerá proxeccións de cine de temática navideña, sesións de contacontos, actuacións de corais e espectáculos familiares, entre eles o de Mamá Cabra.

Entre as propostas municipais figuran a representación de "Iriña Bailarina", o 9 de decembro, dentro do teatro escolar; a sesión de contacontos "Un Nadal cheo de contos", o día 10 no MIHL; e a gala infantil de maxia, o 17 de decembro.

A oferta incluirá tamén espectáculos de pago: o musical "Luli Pampín", o 5 de decembro; o musical infantil Disney, o día 19; "El show de Mickey", o 26; "Tadeo Jones y la lámpara maravillosa", o 27; e a representación de "Carapuchiña vermella", o 28.

Actividades para a mocidade, deporte e visitas de Papá Noel e os Reis Magos

A Casa da Xuventude acollerá sesións de *escape room* os días 26 de decembro e 2, 3 e 6 de xaneiro. No ámbito deportivo, o calendario inclúe o Torneo Nadal Xaquedrum, que se celebrará o 13 de decembro, ás 12:00 horas, no MIHL, e unha nova edición da Carreira de San Silvestre, o 31 de decembro, ás 17:00 horas.

Papá Noel e os Reis Magos percorrerán tamén as parroquias do municipio para recoller persoalmente as peticións e cartas dos nenos e nenas.

0.09210991859436