Lugo recibe sete achegas para actualizar a ordenanza contra o ruído, vixente desde 1997

O Concello de Lugo pechou a consulta pública previa para actualizar a Ordenanza de Contaminación Acústica, un trámite no que recibiu un total de sete achegas de distintos sectores da cidade. Entre as persoas e entidades participantes figuran representantes empresariais, como APEC e o CEL, asociacións veciñais, colexios profesionais e particulares.
O proceso busca recoller opinións e suxestións antes de avanzar na elaboración do novo texto, co obxectivo de adaptar a normativa á realidade actual do municipio. A ordenanza vixente data de 1997, polo que a súa actualización pretende reforzar a protección da saúde e do descanso da veciñanza, ao tempo que ofrece seguridade xurídica ás actividades económicas e culturais.
As achegas recibidas abordan aspectos como a protección do descanso, os horarios e os niveis de ruído permitidos, especialmente durante a noite, así como as condicións acústicas dos establecementos e o control das actividades.
Entre as propostas figura a adaptación das medidas ás características de Lugo mediante estudos técnicos, mapas de ruído e unha delimitación das zonas acústicas que teña en conta os espazos residenciais e as áreas con maior concentración de actividades.
As obras, os traballos domésticos, as actividades comerciais e industriais e os eventos públicos tamén están presentes nas achegas. As celebracións ao aire libre e o funcionamento das terrazas son outros dos ámbitos nos que se apunta á necesidade de compatibilizar a actividade social e económica co dereito ao descanso.
A hostalaría e o ocio ocupan igualmente un lugar destacado, con propostas sobre o illamento acústico, as condicións dos locais, os vestíbulos de acceso e as posibles limitacións das actividades. As achegas reflicten distintas perspectivas sobre como reforzar a protección fronte ao ruído sen establecer restricións xeneralizadas que poidan dificultar a apertura ou a continuidade dos negocios.
Outro dos ámbitos abordados é o dos sistemas de medición, inspección e control do ruído. Neste sentido, as propostas inclúen estudos acústicos, comprobacións sonométricas, limitadores e rexistradores de son, así como sistemas de seguimento telemático.
Tamén se formulan cuestións relacionadas co ruído das instalacións de climatización e ventilación, as actividades deportivas e comerciais, os vehículos, a carga e descarga de mercadorías e as instalacións industriais. A convivencia na vía pública e a delimitación das responsabilidades dos titulares das actividades e da Administración municipal completan os asuntos tratados.
Por outra banda, as achegas apuntan á importancia de establecer criterios claros para aplicar as medidas correctoras e o réxime sancionador. Tamén propoñen valorar os períodos de adaptación, a viabilidade técnica e económica das actuacións necesarias e as posibles fórmulas de apoio aos sectores afectados.
O Concello continuará agora coa análise das achegas recibidas para avanzar na elaboración dunha nova ordenanza acústica actualizada e adaptada á realidade municipal, coa intención de mellorar a convivencia e a calidade de vida en Lugo.