Lugo reunirá voces de Galicia, Portugal, Brasil e Cabo Verde no encontro artístico Galeguía

Lugo acollerá do 13 ao 15 de novembro o I Encontro Artístico de Canto de Mulleres Galeguía, unha proposta cultural que converterá o canto popular nun espazo de intercambio artístico, político e relacional entre mulleres de Galicia, Portugal, Brasil e Cabo Verde.
O proxecto está promovido pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo e producido por Nordesía Producións, baixo a coordinación de Neves Núñez Delgado. A iniciativa contará coa participación de artistas e investigadoras especializadas no canto comunitario e na música tradicional, entre elas Vânia Couto, mestra do Coro das Mulheres da Fábrica, Ugía Pedreira e as integrantes do grupo de cantareiras Erikas e Peluxías.
O programa desenvolverase principalmente os días 13 e 14 no Pazo de San Marcos e no auditorio da Facultade de Veterinaria, con actividades abertas tanto a profesionais da cultura como ao público xeral. A programación combinará palestras sobre diferentes tradicións musicais con obradoiros prácticos de canto colectivo, batuko, adufe e pandeireta.
A xornada inaugural, o venres 13, comezará ás 10:15 horas coa presentación do encontro no Pazo de San Marcos. Entre as propostas destacan unha palestra sobre o Movimento Primavera de Coros de Portugal, a cargo de Matilde Simões, e outra dedicada ao batuko, unha forma de canto colectivo das mulleres da illa de Santiago, en Cabo Verde, impartida por Luzia Oca. Pola tarde celebraranse obradoiros de canto comunitario e de toque de adufe e pandeireta.
O sábado 14 continuará a actividade cunha sesión sobre a música tradicional como proceso vivo e colectivo, impartida por Liliana Abreu, e outra sobre os beneficios do canto en comunidade, dirixida por Ugía Pedreira. Tamén haberá un obradoiro de batuko a cargo de Batuko Tabanka e un segundo ensaio de canto comunitario de canción popular lusófona.
A programación dese día rematará cun concerto ás 19:00 horas no auditorio da Facultade de Veterinaria, protagonizado por Vânia Couto e Xoán Fuertes. A actuación contará coa colaboración de Ugía Pedreira, Liliana Abreu, Miguel Díaz Valdés e Dulce Cruz, ademais das voces do Coro das Mulheres da Fábrica, Erikas e Peluxías e Batuko Tabanka.
O domingo 15, a Casa do Saber da Universidade de Santiago de Compostela acollerá ás 11:00 horas unha xuntanza aberta a todas as persoas interesadas en participar na creación dun grupo de canto colectivo que reúna repertorios populares procedentes das tradicións orais da lusofonía.
As persoas que queiran participar nos obradoiros e nas actividades deberán inscribirse a través do formulario dispoñible nas redes sociais do proxecto, en @galeguiacanto, e na web cultura.deputacionlugo.gal.