Miguel Fernández propón converter a antiga estación de autobuses de Lugo nunha residencia pública

O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, presentou un proxecto integral para transformar a actual estación de autobuses de Lugo e a súa contorna unha vez que entre en funcionamento a estación intermodal. A proposta contempla aproveitar boa parte do edificio para crear unha residencia pública de maiores e un centro de día, ademais de recuperar a superficie das antigas dársenas para convertela nun gran parque urbano con zonas verdes, espazos de lecer e áreas de convivencia.
Un dos principais obxectivos é ampliar a oferta de prazas residenciais públicas nunha cidade que, segundo os datos achegados polos socialistas, conta actualmente con só 272, repartidas entre as residencias das Gándaras e da Milagrosa. Fernández reclamou a implicación da Xunta para impulsar unha nova infraestrutura e saldar o que considera unha débeda histórica con Lugo, diferenciando as prazas de titularidade pública das concertadas en centros privados.
O proxecto prevé adaptar o edificio actual para o seu novo uso residencial, habilitar un centro de día na planta baixa para persoas maiores que continúan vivindo nos seus domicilios e acondicionar a cuberta como unha zona axardinada de descanso e lecer para os residentes. O portavoz socialista defendeu un modelo de coidados integrado na cidade, que permita ás persoas maiores permanecer preto das súas familias, veciños, comercios e servizos habituais.
O segundo eixo da proposta pasa por transformar a zona das dársenas nun bosque urbano galego, con árbores autóctonas, percorridos accesibles, zonas de sombra, xogos infantís, equipamentos para a actividade física e espazos de descanso. Tamén se contemplan terrazas para dinamizar a hostalaría e o comercio, unha escultura conmemorativa e un mural artístico dedicado ás persoas maiores. Para abrir este novo espazo cara á Muralla e á Praza da Constitución, proponse retirar as dársenas e construcións anexas e demoler parcialmente a ala leste do edificio.
En materia de mobilidade, os socialistas propoñen estudar un tramo de tráfico soterrado, con entrada desde a rúa Cidade de Vigo e saída na rúa Alcalde Anxo López Pérez, na contorna do Vello Cárcere, aproveitando parte da infraestrutura do aparcadoiro existente. Tamén propoñen unha lanzadeira de transporte urbano entre a Praza de Bretaña e a nova estación intermodal, así como unha conexión peonil mecanizada entre a Praza Conde de Fontao e Porta Falsa mediante ascensores e pasarelas mecánicas.
Fernández enmarcou a iniciativa na estratexia Lugo 10, coa que o grupo socialista pretende definir as prioridades de desenvolvemento da cidade para a próxima década. O portavoz considera que a actuación permitiría combinar novos servizos públicos, recuperación de espazos verdes, convivencia entre xeracións e mellora das conexións urbanas. Para levala adiante, reclamou planificación e colaboración entre administracións, especialmente a participación da Xunta na construción da residencia pública.