O BNG considera insuficiente o aparcadoiro de 27 prazas que propón o PP para a rúa Primavera

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, cualificou de "insuficiente e pouco ambiciosa" a proposta do goberno do PP para ampliar o espazo de estacionamento no barrio de Fontiñas. Arroxo criticou o "conformismo" dos populares por apostar por un pequeno aparcadoiro de 27 prazas na rúa Primavera e renunciar, segundo sinalou, a unha alternativa que permitiría crear preto de 90 estacionamentos e ofrecer unha solución máis útil ás necesidades da zona.
O BNG propón aproveitar o espazo destinado a aparcadoiro na parcela situada entre a rúa Primavera e o Carril das Flores. Segundo explicou Arroxo, a súa alternativa permitiría ampliar a capacidade ata preto das 100 prazas, fronte ás 27 anunciadas polo PP para ese mesmo terreo. A formación tamén cuestionou a infografía presentada polo goberno local, ao considerar que non ten en conta a orografía real da parcela e que evidencia a improvisación do proxecto.
Arroxo lembrou ademais que a Xunta de Galicia "perdeu outra oportunidade" para crear un novo aparcadoiro en Fontiñas. Neste sentido, recordou que en 2022 o Goberno galego anunciou a construción dun estacionamento en cada cidade, pero finalmente o PP decidiu situalo en Casás, un lugar no que, segundo afirmou, non existía esa necesidade. "Actualmente vemos tan só un ou dous coches cada día", asegurou.
O portavoz nacionalista criticou que a Xunta destinase un millón de euros a un aparcadoiro que, segundo sostén, apenas se utiliza, mentres Fontiñas continúa tendo problemas de estacionamento. "Máis de tres anos despois do anuncio dun aparcadoiro en Fontiñas, a Xunta aínda non deu ningún paso", denunciou.
Por último, Arroxo defendeu que a proposta do BNG permitiría contribuír a resolver un problema crónico no barrio sen impedir que o propietario da parcela poida construír vivenda nos terreos.