O BNG convoca os colectivos veciñais para abordar a ordenanza contra a contaminación acústica en Lugo

LugoXa
A formación quere recoller as demandas dos barrios e critica que o goberno de Elena Candia manteña paralizada unha normativa que, segundo lembra, xa estaba elaborada polo anterior executivo
Rubén-Arroxo-BNG-Lugo
5 Nov 2026

O BNG de Lugo convocou os colectivos veciñais da cidade a unha xuntanza para abordar a futura Ordenanza Municipal de Contaminación Acústica. A formación busca coñecer os problemas de ruídos e molestias que afectan aos distintos barrios, así como recoller as propostas das entidades para avanzar nunha regulación que garanta o descanso e a convivencia.

O portavoz nacionalista, Rubén Arroxo, criticou a falta de actuación do goberno de Elena Candia e lembrou que o anterior executivo deixou elaborada unha nova ordenanza tras meses de traballo e reunións técnicas coa Policía Local e outros servizos municipais. O documento actualiza unha normativa dos anos 90 e incorpora ferramentas para actuar ante comportamentos que perturban o descanso, ademais dun réxime sancionador.

Arroxo considera que non é necesario comezar de cero, senón iniciar a tramitación dun texto que xa está preparado e levalo a pleno. O BNG tamén cuestiona a falta de medidas ante locais de hostalería que acumulan queixas veciñais e cita o caso de Las Palmeras, cuxo peche durante doce meses se conseguiu en 2023 tras un proceso de inspeccións e traballo administrativo. Segundo o portavoz, o establecemento continúa aberto e as molestias persisten.

Coa xuntanza, o BNG pretende trasladar ás asociacións o contido da proposta e incorporar as súas achegas. A formación considera que a paralización da ordenanza e a ausencia de medidas ante os establecementos que xeran conflitos evidencian unha falta de xestión municipal.

0.16364097595215