O PSOE e BNG acusan ao Goberno local de reiniciar a tramitación da ordenanza do ruído e atrasar as solucións para os locais conflitivos

LugoXa
A oposición denuncia que o Executivo local decidiu abrir unha nova consulta pública pese a dispor dun texto elaborado durante meses coa participación dos servizos técnicos
ana-gonzalez-abelleira
17 Sep 2026

A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista no Concello de Lugo, Ana González Abelleira, criticou a decisión do actual Goberno local, encabezado por Elena Candia, de non continuar coa tramitación da nova Ordenanza Municipal de Contaminación Acústica que recibira do anterior Executivo, optando no seu lugar por iniciar de novo o procedemento desde o principio.

Segundo explicou a socialista, o documento que recibiu o actual Goberno era froito de meses de traballo técnico, elaborado coa participación de persoal municipal especializado e da Policía Local. Ao seu xuízo, reiniciar agora a consulta pública supón un paso atrás innecesario para unha cidade que, na súa opinión, necesita axilizar este tipo de trámites e non demoralos.

González Abelleira mostrouse especialmente crítica coa xustificación empregada polo equipo de Goberno para tomar esta decisión, á que cualificou de basearse en argumentos pouco axustados á realidade sobre o traballo previamente desenvolvido.

Contraste entre a oposición e o Goberno

A representante socialista contrapuxo a actitude actual da rexedora coa que mantiña cando ocupaba un escano na oposición. Lembrou que, naquela etapa, Candia defendía que existían solucións rápidas para problemas como o xerado polo establecemento coñecido como Las Palmeras, chegando a sostir que podería pecharse nun prazo de 24 horas.

Para González Abelleira, esa forma de expor os problemas cando non se tiñan responsabilidades de xestión contrasta coas decisións que se están tomando agora desde o Goberno municipal, que na súa opinión están alongando os prazos en lugar de acurtalos.

A socialista subliñou que as consecuencias de reiniciar o trámite van máis alá dunha cuestión meramente administrativa, xa que cada fase que se repite implica máis tempo sen que o Concello conte cunha normativa actualizada e sen que a Policía Local dispoña de novas ferramentas para intervir ante condutas que afectan ao descanso veciñal e á convivencia.

Unha normativa desde 1999

A portavoz adxunta lembrou que o Concello de Lugo continúa aplicando unha ordenanza de contaminación acústica aprobada en 1999, motivo polo cal o anterior Goberno local impulsou a redacción dun novo texto adaptado á normativa vixente e ás problemáticas actuais da cidade.

Ese documento, segundo detallou, incluía novas ferramentas de intervención e un réxime sancionador orientado a determinadas condutas que perturban o descanso dos veciños, co obxectivo de facilitar a actuación tanto do Concello como da Policía Local en situacións que, coa regulación en vigor, resultan máis complicadas de xestionar.

A socialista insistiu en que non se trata dun documento sen desenvolver, senón dun traballo consensuado que, segundo afirma, contou cunha boa acollida por parte dos colectivos veciñais implicados. Por iso, considera que o máis razoable sería aproveitar ese texto, sometelo aos trámites e informes correspondentes e avanzar cara á súa aprobación definitiva, en lugar de retomar o proceso desde cero.

Críticas á xestión dos locais conflitivos

González Abelleira situou esta decisión dentro do que considera unha evolución no discurso do actual equipo de Goberno respecto aos locais con problemas de convivencia: primeiro xerouse, ao seu parecer, un clima de tensión arredor deste asunto; despois chegaron promesas de solucións inmediatas; e agora, xa no Goberno, estaríase a cuestionar o traballo realizado anteriormente.

A representante socialista lembrou que, durante o mandato anterior, lográronse peches temporais do local Las Palmeras mentres se traballaba paralelamente en dotar ao Concello de instrumentos legais máis sólidos para abordar este tipo de situacións con maiores garantías xurídicas.

González Abelleira pediu ao Goberno local que dea prioridade aos veciños afectados polo ruído e os problemas de convivencia, que abandone o que considera un intento de desacreditar a xestión anterior e que aproveite o traballo xa realizado para acelerar a aprobación da nova normativa, evitando así que se prolongue a espera dunha resposta municipal.

O BNG ACUSA Á CANDIA DE PRIVATIZAR A ELABORACIÓN

Pola súa banda, o portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, criticou a postura do Partido Popular. Malia que o Concello conta cun proxecto de ordenanza elaborado polo goberno anterior "en cooperación con todos os axentes implicados", o Partido Popular dixo na comisión que está a traballar nun novo texto "e que contratará unha empresa privada para elaborar un novo texto que xa foi elaborado por persoal municipal". Rubén Arroxo afirmou que "o PP ten que explicar por que vai facer unha nova ordenanza pagando a unha empresa e atrasando aínda máis a entrada en funcionamento dun texto que permitiría poñer solución a locais como As Palmeras".

Tras 8 meses de traballo cos distintos actores implicados, o goberno anterior elaborou unha actualización da actual ordenanza de contaminación acústica que data do 1999. O texto pendente de aprobación conta cun réxime sancionador ligado aos ruídos que poidan impedir o descanso da veciñanza. Así, o seu artigo 39, que corresponde ao apartado da convivencia veciñal, estabelece que o comportamento nos espazos de convivencia "debe manterse dentro dos límites da convivencia boa cidadá e do respecto aos demáis" e prohibe accións "que comporten unha perturbación evitable" da conducta cívica normal.

O artigo 39 recolle unha serie de cuestións que afectan á convivencia e que serían sancionables, como por exemplo o punto 2: gritar ou berrar sen causa xustificada, o que impedirá situacións que ata o de agora non se podían sancionar, como que unha persoa se poida poñer a berrar na rúa durante a noite, impedindo o descanso da xente. Tamén recolle calquera comportamentos persoais que comporten unha perturbación evitable da convivencia e da conduta cívica normal, que impida o descanso da xente ou xere unha situación de malestar.

Ligado a isto, o novo artigo 54 introduce unha modificación que permite á Policía Local intervir neses casos. Ademais, incorpórase un réxime sancionador que ata agora non existía na ordenanza. "Isto permite que, ante un caso no que se está a montar barullo, a xente está a pegar berros ou se está a xerar ruído, a Policía Local teña a ferramenta para actuar e para sancionar", afirmou o portavoz do BNG, que engadiu "tal e como como recolle a Ordenanza, primeiro tería que advertir; se o comportamento continúa, é cando ten a potestade para poder sancionar".

0.16169309616089