O BNG de Becerreá pide revisar as obras da A-6 tras as retencións provocadas polos desvíos á N-6

LugoXa
A formación reclama ao Ministerio de Transportes unha mellor planificación dos cortes e máis coordinación cos concellos da montaña lucense para reducir as afeccións ao tráfico
Martin-Gómez-BNG-Becerreá
19 Aug 2026

O BNG de Becerreá reclamou ao Ministerio de Transportes que revise a planificación das obras de rehabilitación do firme da A-6 ao seu paso pola montaña lucense despois das importantes retencións rexistradas na N-6 como consecuencia dos desvíos de tráfico. A formación considera necesario buscar alternativas que permitan executar os traballos sen trasladar de maneira masiva a circulación cara á estrada nacional.

O voceiro municipal do BNG, Martín Gómez, diferencia entre a necesidade de renovar o pavimento da autovía e a maneira na que se organizaron os traballos. Os nacionalistas consideran que as actuacións de mantemento son necesarias, pero cuestionan que se concentren importantes afeccións en pleno mes de agosto, coincidindo cun dos períodos de maior mobilidade do ano.

"Ninguén discute que a A-6 precisa actuacións de mantemento e que hai que renovar un firme que levaba tempo necesitando melloras. O que non parece razoábel é cortar arredor de 50 quilómetros dunha autovía en pleno agosto e trasladar practicamente todo ese tráfico á N-6 sen prever suficientemente as consecuencias", afirmou Gómez.

Segundo sinala o BNG, a canalización dun elevado número de vehículos pola estrada nacional, coincidindo coas operacións de saída e retorno das vacacións de verán, provocou retencións quilométricas. A formación asegura que nos momentos de maior intensidade circulatoria as demoras chegaron a superar a hora.

Esta situación ten unha incidencia especial en Becerreá e noutros puntos da montaña lucense, xa que as alternativas á A-6 atravesan directamente núcleos de poboación. "Becerreá e o resto da montaña non poden converterse no funil polo que se fai pasar todo o tráfico da A-6 cada vez que hai unha incidencia ou unhas obras", advertiu o portavoz nacionalista.

O BNG reclama tamén unha maior coordinación entre o Ministerio e os concellos afectados. Gómez considera que as administracións locais deben recibir con antelación información sobre a duración dos cortes e sobre calquera modificación do dispositivo previsto, xa que son os municipios os que afrontan directamente as consecuencias do incremento da circulación nas súas estradas e núcleos urbanos.

Entre as alternativas propostas, a formación pide estudar cortes de menor extensión, reforzar a sinalización e os dispositivos de regulación da circulación e planificar as actuacións para que, sempre que as condicións técnicas o permitan, as maiores restricións non coincidan coas datas de maior intensidade de tráfico.

Os nacionalistas poñen tamén o foco nas consecuencias económicas das retencións, especialmente para o transporte de mercadorías. A A-6 constitúe unha das principais conexións viarias entre Galicia e a Meseta e soporta diariamente unha importante circulación de vehículos pesados.

"Cada hora que un camión permanece atrapado nunha retención ten un custo. Por iso as obras teñen que facerse, pero tamén teñen que estar ben organizadas", subliñou Martín Gómez, que insiste na necesidade de compatibilizar a renovación da autovía coa mobilidade da veciñanza, dos usuarios e do transporte profesional.

0.129967212677