O BNG reclama o inicio das obras de renovación da rotonda de Benigno Rivera en Lugo

LugoXa
O proceso de licitación completouse en maio e os traballos están agora pendentes de comezar
arroxo-rua-benigno-rivera-o-ceao
15 Aug 2026

O portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado polo edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, desprazouse ata o polígono do Ceao para reclamar o inicio das obras de renovación da rotonda de Benigno Rivera con Infanta Elena e dos treitos da avenida que conectan coa N-VI e coa A-6.

O proceso de licitación da actuación completouse o pasado mes de maio, polo que, segundo sinala o BNG, queda pendente o inicio dos traballos.

Arroxo explicou que, antes da moción de censura, “quedou todo o proceso administrativo realizado, deixando só pendente a adxudicación en Xunta de Goberno”. Por este motivo, considera que, unha vez completada a tramitación, “é hora de comezar cos traballos canto antes”.

O portavoz nacionalista lembrou tamén o traballo realizado polo BNG durante os últimos sete anos para conservar en boas condicións as áreas industriais da cidade. Segundo indicou, a actuación prevista no Ceao supón “un paso máis” na mellora destas zonas.

O proxecto elaborado desde a área de Mobilidade contempla a renovación integral do firme da rotonda e dos accesos, así como unha intervención destinada a corrixir os problemas de acumulación de auga que se producen neste punto.

Os traballos previstos comezarán co fresado da actual capa de rodadura e a posterior colocación dunha nova capa de mestura asfáltica en quente, que contará na súa base cunha capa de rego de adherencia con emulsión bituminosa. Tamén se adaptarán os rexistros existentes e se procederá ao repintado da sinalización horizontal.

A actuación permitirá igualmente nivelar o terreo para evitar as acumulacións de auga que se producían na zona durante a época de choivas, ao tempo que se mellorarán os treitos de acceso para reforzar a seguridade viaria en toda a contorna.

O BNG destaca ademais que a planificación da obra busca reducir o impacto sobre a actividade do polígono e sobre as persoas que traballan nel. Así, o prego elaborado polas áreas de Mobilidade e Infraestruturas establece que os traballos deberán executarse en horario nocturno, entre as 22.00 e as 06.00 horas.

Segundo Arroxo, esta decisión responde á elevada intensidade de tráfico que soporta a vía e permitirá “reducir ao máximo a afección ás persoas que traballan no Ceao”. O horario nocturno tamén busca minimizar o impacto da actuación sobre a mobilidade, incrementar o rendemento da maquinaria e mellorar as condicións de seguridade na zona de traballo.

0.12258505821228