O BNG pide explicacións no Parlamento sobre o proxecto da planta de biometano en Coeses

LugoXa
A formación nacionalista alerta de posibles movementos para reactivar a iniciativa e reclama límites máis estritos para este tipo de instalacións
BNG-Coeses-Lugo
Actualizada el 9 junio 2026, 09:52 horas
2 Jun 2026

O BNG levará ao Parlamento de Galicia unha batería de preguntas para coñecer o estado do proxecto da planta de biometano proxectada en Coeses, no municipio de Lugo, despois de recibir avisos da veciñanza que asegura detectar movementos para a posible recuperación da iniciativa. Segundo denuncian os afectados, a empresa promotora, mesmo tras a denegación do permiso, continúa mantendo alugados os terreos onde se prevía construír a instalación, cun investimento superior aos 20.000 euros anuais.

O portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, sinalou que a chegada de Elena Candia á Alcaldía de Lugo está a propiciar, ao seu xuízo, o rexurdimento de proxectos que xa se consideraban descartados polos seus posibles impactos negativos para a cidade. Arroxo lembrou ademais as reunións e mobilizacións impulsadas no pasado pola formación nacionalista xunto coa veciñanza para tentar paralizar o proxecto e aumentar o control sobre este tipo de plantas.

Pola súa banda, a deputada autonómica Montse Valcárcel explicou que o problema non reside na tecnoloxía do biogás ou biometano, senón no modelo de planta proposto, especialmente pola súa proximidade aos núcleos de poboación e pola forma na que se xestionan este tipo de instalacións. Segundo indicou, estanse promovendo plantas de gran tamaño que requiren un elevado volume constante de residuos, o que obriga a traer materia prima desde zonas afastadas, incrementando tamén o risco ambiental e operativo.

Valcárcel advertiu de que o aumento de escala destas plantas implica maiores volumes de almacenamento, máis operacións de descarga e un incremento dos riscos en caso de escapes de emisións ou incendios. Neste sentido, asegurou que o impacto dunha instalación destas características preto de vivendas podería ser “brutal” e reclamou á Xunta que priorice a protección das persoas e do territorio fronte a intereses económicos.

O BNG propón establecer unha regulación máis estrita para o sector, que inclúa distancias mínimas de 3.000 metros entre estas plantas e os núcleos de poboación, así como respecto a elementos patrimoniais ou naturais. Tamén pide limitar a distancia de transporte dos residuos, fixando 20 quilómetros para os líquidos e un máximo xeral de 50 quilómetros, ademais de establecer un tope de 200.000 toneladas anuais de capacidade.

A formación nacionalista reclama igualmente normas específicas para os materiais de entrada e saída das instalacións, a regulación da xestión do dixestato xerado no proceso e restricións á circulación de transporte pesado asociado a estas plantas, que non debería atravesar núcleos urbanos nin zonas habitadas no rural.

Valcárcel advertiu de que, ante o incremento de proxectos de biometano en Galicia, resulta necesario establecer límites claros ao seu tamaño, localización e funcionamento para evitar impactos ambientais e sociais non desexados.

PLATAFORMA LUGO NON QUERE CHEIROS

A plataforma “Lugo... Non Quere Cheiros!!”, integrada pola Federación de Veciños Lucus Augusti e representantes das parroquias de Cuiña, Piugos, Soñar, Ribas de Miño, Coeses e outras localidades da contorna, expresou a súa preocupación tras coñecer a intención da empresa promotora de retomar o proxecto da planta de biometano prevista en Coeses.

Desde o colectivo aseguraron que manterán a mesma posición que defenderon durante a anterior tramitación da iniciativa e advertiron de que volverán opoñerse á súa implantación. Segundo manifestaron, continuarán apoiando aos veciños e veciñas afectados e defendendo os seus dereitos e a calidade de vida no rural lucense.

A plataforma non descarta a convocatoria de novas mobilizacións, concentracións ou outras accións reivindicativas se o proxecto continúa avanzando. Os seus representantes aseguran que están preparados para retomar a actividade desenvolvida nos últimos anos co obxectivo de frear a instalación.

O colectivo sostén que as plantas de biometano deben localizarse a unha distancia suficiente das vivendas e dos núcleos habitados, co fin de garantir a saúde, o benestar e a seguridade da poboación. Neste sentido, consideran que unha infraestrutura destas características non debería situarse nas proximidades das casas.

A plataforma lembra que durante a anterior fase do proxecto promoveu campañas informativas, distribución de cartelería, mobilizacións e actos públicos para trasladar o seu rexeitamento á iniciativa. Ademais, insiste en que as posibles consecuencias ambientais, paisaxísticas e sociais non afectarían unicamente ás parroquias máis próximas, senón ao conxunto do municipio.

Por último, os integrantes de “Lugo... Non Quere Cheiros!!” afirmaron que manterán a súa oposición á planta de biometano e aseguraron que afrontarán unha nova etapa de mobilización coa intención de impedir que o proxecto poida chegar a executarse.

0.12924218177795