O BNG pide recuperar o taxi a demanda para conectar as 54 parroquias rurais de Lugo

LugoXa
A formación nacionalista levará unha moción ao pleno para reclamar ao goberno do PP que retome o proxecto, paralizado tras a moción de censura, e amplíe o servizo a seis parroquias máis
Lugo-transporte-rural-demanda-taxi-2026-2
13 Oct 2026

O BNG de Lugo reclamará no próximo pleno municipal que o goberno local do PP reactive o proxecto de taxi a demanda no rural, unha iniciativa que comezou a funcionar durante o anterior mandato e que, segundo denuncia a formación, quedou paralizada tras a moción de censura.

O portavoz nacionalista, Rubén Arroxo, lembrou que en febreiro se puxo en marcha unha experiencia piloto nas parroquias de Carballido e Labio, despois de varios anos de traballo. Segundo indicou, a proposta tivo unha boa acollida entre a veciñanza e buscaba avanzar cara a un modelo de transporte público que conectase progresivamente o rural cos servizos da cidade.

"Conseguimos iniciar en Lugo un proxecto totalmente revolucionario e innovador, que é avanzar en que todo o rural, as 54 parroquias, poidan ter transporte público a través do servizo de taxi a demanda", afirmou Arroxo.

O sistema estaba pensado para as zonas ás que non chega o autobús urbano. A veciñanza podería reservar previamente un desprazamento en taxi e pagar unha tarifa equivalente á do bus urbano. O proxecto incluía tamén o desenvolvemento dunha plataforma de xestión para rexistrar as solicitudes, controlar os percorridos e coñecer a demanda do servizo.

A seguinte fase xa estaba prevista e contemplaba incorporar as parroquias de Orbazai, Adai, Ombreiro, Piugos, Cuiña e Saa. Por iso, o BNG presentará unha moción para instar o executivo municipal a continuar co plan. "Imos levar unha moción a pleno para que o goberno municipal dea continuidade a este proxecto que dende o BNG deixamos iniciado e que agora mesmo está paralizado", sinalou o portavoz.

A formación defende que esta alternativa permitiría mellorar a mobilidade das persoas residentes no rural e facilitar as viaxes ata Lugo sen depender do vehículo particular. Arroxo considera que estender as liñas convencionais de autobús ás 54 parroquias sería insostible, pero sostén que o taxi a demanda podería ofrecer unha opción de transporte público a un custo asumible. "Esta alternativa permitiría á veciñanza gozar de transporte público a un prezo asequible", concluíu.

0.16577506065369