O BNG reclama ao Estado axilidade na resolución das axudas do 2 % Cultural para o Cuartel de San Fernando

LugoXa
Maite Ferreiro pide concretar os prazos da convocatoria á que concorre o proxecto para converter o antigo cuartel nun espazo museístico sobre a historia galaico-romana de Lugo
Cuartel-San-Fernando-Lugo
8 Sep 2026

O BNG de Lugo reclama ao Goberno do Estado maior axilidade na resolución da convocatoria do programa do 2 % Cultural, á que opta o proxecto para transformar o antigo Cuartel de San Fernando nun novo espazo museístico dedicado á historia galaico-romana da cidade.

A concelleira nacionalista Maite Ferreiro referiuse á resposta ofrecida polo Executivo estatal á pregunta formulada no Congreso dos Deputados polo deputado do BNG Néstor Rego sobre o estado actual da convocatoria. Segundo a información trasladada polo Goberno, o procedemento atópase na fase de valoración técnica e puntuación dos proxectos presentados, mentres que a resolución provisional das axudas está prevista "para os próximos meses".

Ferreiro destacou o labor de seguimento realizado por Néstor Rego no Congreso, ao considerar que esta convocatoria resulta "fundamental para coñecer as posibilidades de financiamento de proxectos estratéxicos para Lugo".

Neste sentido, a edil do BNG subliñou a importancia da recuperación do antigo Cuartel de San Fernando, tanto polo seu valor cultural e patrimonial como pola oportunidade de converter o inmoble nun novo espazo para divulgar a historia da cidade.

"A recuperación e transformación do antigo Cuartel de San Fernando é un proxecto fundamental para Lugo, tanto desde o punto de vista cultural e patrimonial como pola oportunidade que supón para poñer en valor un edificio histórico e reforzar a cidade como referente na divulgación da súa historia", afirmou.

A resposta do Executivo estatal sinala que, despois de que o prazo para presentar as solicitudes rematase o pasado 18 de febreiro, levouse a cabo a comprobación do cumprimento dos requisitos xerais e básicos das propostas. Actualmente, os proxectos están na fase de valoración técnica, antes de que se publique a resolución provisional das axudas.

Para Ferreiro, a situación evidencia a necesidade de axilizar os trámites administrativos e de ofrecer maior seguridade ás institucións que presentaron os seus proxectos.

"O prazo de presentación de solicitudes rematou en febreiro e, máis de seis meses despois, seguimos sen unha previsión concreta sobre cando se resolverá definitivamente a convocatoria. Non é suficiente con indicar que será nos próximos meses", sinalou a concelleira.

O BNG considera que actuacións de recuperación patrimonial destas características precisan dunha planificación estable e de garantías sobre o financiamento para poder avanzar. Por este motivo, Ferreiro pediu ao Goberno do Estado que acelere a resolución da convocatoria do 2 % Cultural.

"Lugo conta cun patrimonio histórico excepcional e precisamos ferramentas que permitan seguir recuperándoo e poñéndoo ao servizo da cidadanía. Seguiremos traballando para que a cidade poida avanzar na recuperación do antigo Cuartel de San Fernando e en proxectos que permitan conservar, investigar e divulgar un patrimonio único", concluíu.

Esta petición chega, ademais, trala reunión entre a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e a Plataforma Muro, na que tamén se analizou a situación da tramitación do proxecto de rehabilitación do Cuartel de San Fernando como Centro de Interpretación e Museo para a Humanización de Galicia.

0.14674401283264