O BNG reclama retomar a ampliación do taxi a demanda ás parroquias rurais de Lugo

O BNG de Lugo reclama ao Goberno municipal que retome o proxecto de ampliación do Transporte Rural a Demanda, unha iniciativa impulsada pola formación desde a área de Mobilidade e que, segundo denuncia, permanece paralizada desde a moción de censura. A formación mantivo un novo encontro coa veciñanza de Cuíña e Piúgos, dúas das parroquias incluídas na seguinte fase de implantación do servizo.
O portavoz do BNG, Rubén Arroxo, explicou que o obxectivo do proxecto é estender progresivamente o transporte público ás 54 parroquias do municipio mediante un servizo de taxi con reserva previa. "Conseguimos iniciar en Lugo un proxecto totalmente revolucionario e innovador, que é avanzar en que todo o rural, as 54 parroquias, poidan ter transporte público a través do servizo de taxi a demanda", afirmou.
Arroxo sinalou que o segundo paso para ampliar o servizo xa estaba preparado e incluía unha nova ruta para atender as parroquias de Orbazai, Adai, Ombreiro, Piúgos, Cuíña e Saa. Por este motivo, o BNG levará unha moción ao pleno municipal para reclamar a continuidade do proxecto.
"Imos levar unha moción a pleno para que o Goberno municipal dea continuidade a este proxecto que dende o BNG deixamos iniciado e que agora mesmo está paralizado", indicou o portavoz.
Un servizo alternativo ao autobús urbano
O transporte rural a demanda permite ás persoas residentes en zonas ás que non chega o autobús urbano solicitar desprazamentos en taxi mediante reserva previa, cun prezo equivalente ao billete do transporte urbano. Para xestionar o servizo, estaba prevista a creación dunha plataforma de control que permitise coñecer a demanda e os percorridos realizados polos vehículos.
Segundo Arroxo, esta alternativa permitiría conectar os núcleos rurais coa cidade sen necesidade de estender as liñas convencionais de autobús a todas as parroquias. "Sería insostible que o bus urbano dera servizo ás 54 parroquias do rural de Lugo, pero esta alternativa permitiría á veciñanza gozar de transporte público a un prezo asequible", afirmou.
O portavoz lembrou que o pasado mes de febreiro, despois de varios anos de traballo, o Concello puxo en marcha unha proba piloto en parroquias como Carballido e Labio, que, segundo indicou, tivo unha boa acollida entre a veciñanza.
O obxectivo do BNG era avanzar de maneira progresiva na implantación deste modelo de mobilidade para facilitar os desprazamentos desde o rural ata os servizos da cidade. Agora, a formación pide ao Goberno local que retome a iniciativa e continúe coa ampliación prevista.