O BNG rexistra no Concello unha solicitude para recuperar o deseño profesional do cartel do San Froilán

O portavoz municipal do BNG, Rubén Arroxo, reclamou ao Goberno local que retire, de novo, o concurso para escoller o cartel do San Froilán e recupere o modelo de deseño profesional empregado o ano pasado. O nacionalista considera que o proceso está «totalmente devaluado» despois de que o Concello difundise unha imaxe elaborada con intelixencia artificial.
Arroxo anunciou que o grupo municipal do BNG rexistrou no Concello de Lugo unha solicitude para que se aposte novamente pola colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, co obxectivo de que unha artista de Lugo sexa a encargada de crear a imaxe das festas. «Dámoslles o traballo feito para que poidan retirar o concurso», sinalou.
O portavoz nacionalista defendeu a necesidade de «poñer en valor o traballo dos profesionais da ilustración» como unha vía para contribuír a combater a precarización deste sector, unha situación que, segundo apuntou, se está vendo agravada polo uso da intelixencia artificial. Neste sentido, pediu que o Concello empregue procedementos que garantan unha remuneración digna e o recoñecemento da autoría.
Arroxo tamén se referiu ao comunicado emitido polo Goberno municipal e cuestionou que se presente como unha «decisión administrativa» a elección entre convocar un concurso ou encargar o deseño a un profesional do sector. «É hipócrita dicir que a decisión de convocar o concurso ou encargar o deseño a un profesional do sector é unha decisión administrativa», afirmou.
O portavoz do BNG criticou así a posición do PP e acusou o Goberno local de non asumir a súa responsabilidade política. «Gobernar é tamén asumir os erros, o PP non pode pretender botar balóns fóra e culpar ao persoal municipal de todos os erros», afirmou.
Para o BNG, a imaxe do San Froilán debe ir máis alá dunha cuestión de trámite e contribuír a representar a identidade das festas. «O Goberno municipal ten que poñer en valor as festas, non reducir o seu cartaz a unha operación de trámite», sinalou Arroxo.
A formación considera que o cartel debe reflectir «o carácter popular, galego, diverso e aberto da celebración», ademais de contribuír a reforzar a súa identidade propia. «Lugo merece unhas festas coidadas en todos os detalles e tamén unha imaxe creada con talento, responsabilidade e respecto polo traballo cultural», concluíu.