O BNG pide retirar o concurso do cartel do San Froilán tras a polémica polo uso da IA

LugoXa
A formación reclama que o Concello deixe de empregar imaxes xeradas con intelixencia artificial e aposta por encargar os deseños a profesionais locais
maite-ferreiro-2026
Infografías de Iván Mourente
21 Aug 2026

A recuperación do concurso aberto para elixir o cartel do San Froilán 2026 abriu unha polémica en Lugo tanto polo cambio no modelo de selección como pola imaxe empregada polo Concello para anunciar a convocatoria. Profesionais do deseño gráfico e veciñanza cuestionaron unha publicación que identifican como xerada mediante intelixencia artificial e que reinterpreta diferentes carteis históricos das festas.

Ás críticas sumouse agora o BNG, que anunciou que instará ao Goberno municipal a deixar de utilizar intelixencia artificial na cartelería e nas publicacións municipais. A formación tamén pedirá a retirada do concurso para escoller a imaxe das festas deste ano.

O Concello recuperou para esta edición o certame aberto a artistas e público en xeral, cun premio de 2.000 euros para o deseño gañador. Supón un cambio respecto a 2025, cando se optou por encargar o cartel a profesionais locais. Parte do sector do deseño defende que aquel sistema contribuía a profesionalizar a imaxe do San Froilán e servía, ao mesmo tempo, para apoiar o talento da cidade.

A controversia medrou coa publicación utilizada para presentar o concurso. A campaña fai referencia aos 120 anos dos primeiros carteis publicitarios modernos e emprega reinterpretacións de imaxes históricas do San Froilán, tomando como referencia o libro 'A publicidade das festas de San Froilán de Lugo: carteis e programas 1877-2011', de Teresa Pena Moreda e Fernando Arribas Arias.

Precisamente, o tratamento destas pezas históricas é unha das principais cuestións sinaladas polos críticos. Consideran que a utilización da intelixencia artificial introduciu erros, modificou elementos e xerou representacións que non se corresponden cos carteis orixinais, desvirtuando así parte do patrimonio gráfico das festas.

A concelleira do BNG Maite Ferreiro cualificou esta situación como "unha falta de respecto á historia do San Froilán, a gran festa do outono galego" e considera que o uso desta tecnoloxía supón "un agravio ás e aos artistas". A edil reclama que o Concello recorra a profesionais de Lugo para elaborar as súas publicacións e materiais gráficos.

Un concurso que prohibe utilizar intelixencia artificial

Un dos aspectos que máis críticas provocou é que as propias bases do concurso prohiben expresamente o emprego de intelixencia artificial. As condicións establecen que non poderán presentarse deseños realizados total ou parcialmente con esta tecnoloxía e permiten ao Concello solicitar o arquivo orixinal por capas, bosquexos, documentación ou outras probas para verificar a autoría das propostas.

A prohibición xustifícase nas bases coa finalidade de "promover o talento das persoas". A mesma condición figura no concurso do San Froilán Miúdo, destinado a menores de 15 anos, onde tamén se require que as propostas sexan de autoría propia e se exclúen os traballos elaborados total ou parcialmente mediante IA.

Esta circunstancia levou a profesionais do sector e ao BNG a sinalar a contradición de que a Administración local empregue esta ferramenta para promocionar unha convocatoria na que impide utilizala aos participantes.

Ferreiro criticou tamén que, segundo o BNG, o Goberno municipal leva recorrendo á intelixencia artificial desde a súa chegada ao Concello e sostén que esta práctica reduciu a calidade dalgunhas publicacións, entre elas o boletín cultural.

A formación nacionalista defende ademais que as administracións deben favorecer a creación artística e o traballo de ilustradores e deseñadores. Neste sentido, cuestiona os modelos de intelixencia artificial xerativa polo uso de grandes cantidades de obras e contidos dispoñibles en internet para o seu adestramento.

A controversia de Lugo prodúcese pouco despois dunha situación similar en Xove, onde o BNG criticou o uso de intelixencia artificial nunha publicación municipal relacionada co eclipse solar ao considerar que o contido non fora revisado suficientemente. O debate trasládase agora ao San Froilán, unha das principais celebracións da cidade, e reabre a discusión sobre os límites do emprego destas ferramentas por parte das administracións na comunicación cultural.

0.12242412567139