O centro enogastronómico da Fábrica da Luz xa conta con equipamento interior

O Concello de Lugo avanza na fase final da transformación da Fábrica da Luz coa instalación e equipamento integral do seu interior, un paso que permitirá a posta en funcionamento do futuro centro enogastronómico da cidade. Trátase dunha actuación integrada no Plan de Sostibilidade Turística “ET EDENDO LUCUS”, financiado con fondos europeos Next Generation.
A intervención, impulsada polo Concello de Lugo, supón a dotación completa do espazo para que poida acoller actividade real desde o inicio, tanto formativa como profesional vinculada ao sector gastronómico. O proxecto conta cun investimento de 108.711,24 euros, que inclúe o subministro, a instalación de equipamentos e a ampliación do prazo de garantía.
O equipamento permitirá desenvolver distintas liñas de actividade como showcookings, catas, formación especializada e encontros profesionais arredor da gastronomía e do produto local. Entre os elementos incorporados inclúense zonas de degustación e formación con mesas de gran formato, espazos de traballo colaborativo e mobiliario destinado a encontros profesionais.
No ámbito técnico, o contrato contempla a instalación completa dunha área de cociña profesional e showcooking, con encimeiras de alta resistencia, sistemas de fregado, placas de indución, fornos, campás extractoras industriais, electrodomésticos e equipamento especializado como vinotecas. Estes recursos permitirán acoller tanto actividades formativas como demostracións en directo con garantías técnicas e de seguridade.
A actuación complétase con elementos de iluminación, revestimentos e solucións decorativas que buscan reforzar a identidade do espazo e mellorar a súa funcionalidade, en coherencia coa rehabilitación do edificio histórico.