O Club de Lectura Cidade de Lugo recibe o I Premio María José Meilán de Dinamización de Clubs de Lectura

O Club de Lectura Cidade de Lugo será recoñecido este sábado, 5 de setembro, como gañador do I Premio María José Meilán de Dinamización de Clubs de Lectura da Cidade de Lugo, unha iniciativa impulsada pola Fundación María Reimóndez que nace este ano 2026 co obxectivo de fomentar propostas de dinamización dos clubs de lectura da cidade.
A entrega do premio terá lugar ás 12.00 horas no espazo Arte e Parte, situado na Avenida da Coruña 67, entrechán, nun acto aberto ao público no que participarán a escritora lucense María Reimóndez e a artista Luz Darriba. O galardón está dotado con 1.000 euros e inclúe tamén unha peza creada por Luz Darriba.
O Club de Lectura Cidade de Lugo resultou vencedor grazas a unha proposta arredor de "A casa do amo" (Pol·len Edicions, 2025), o último ensaio publicado por María Reimóndez.
A iniciativa desenvolverase durante o curso 2026-2027 e incluirá faladoiros, proxeccións de documentais e lecturas específicas vinculadas á temática da obra.
Na súa proposta, o club destacou que a elección deste ensaio responde á necesidade de promover espazos de reflexión crítica que permitan revisar "as actitudes, prexuízos e dinámicas de carácter racista e colonial que, de forma consciente ou inconsciente, continúan presentes na nosa sociedade".
O xurado desta primeira edición estivo formado pola escritora, activista e directora do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, Eva Mejuto; a escritora, docente e crítica literaria Susana Sanches Aríns; e a docente, integrante da Sega e padroeira da Fundación María Reimóndez, Montse Paz.
Con este premio, a Fundación María Reimóndez pon en marcha unha nova convocatoria destinada a incentivar o traballo dos clubs de lectura de Lugo mediante iniciativas que impulsen a lectura, o debate e a reflexión colectiva na cidade.