O Colexio de Nadela renovará por completo as súas instalacións con 1,4 millóns de investimento

LugoXa
O proxecto transformará os catro edificios do centro, mellorará a eficiencia enerxética e a accesibilidade e prevé estar rematado para o curso 2027/28
Nadela-Proxecto-Rehabilitacion-CEIP-2026
31 Jul 2026

O Colexio de Nadela, en Lugo, afrontará nos próximos meses unha profunda transformación grazas ao proxecto de rehabilitación integral presentado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez. A actuación contará cun investimento de 1,4 millóns de euros e permitirá modernizar por completo os catro edificios que integran o complexo educativo, cunha intervención centrada na mellora das instalacións, da accesibilidade e da eficiencia enerxética.

As obras, incluídas no Plan de nova arquitectura pedagóxica da Xunta, sairán a licitación ao longo deste mes de agosto, coa previsión de que os traballos comecen a finais de ano e poidan concluír antes do inicio do curso escolar 2027/28.

A intervención permitirá reducir en máis dun 92 % tanto o consumo enerxético como as emisións de dióxido de carbono do centro. Para conseguilo actuarase sobre o illamento térmico das fachadas mediante a instalación de máis de 1.200 metros cadrados de sistema SATE, substituiranse 86 fiestras e 16 portas exteriores, renovarase a iluminación con 325 luminarias LED e 140 luces de emerxencia, ademais de instalar falsos teitos acústicos e executar distintas actuacións para mellorar a accesibilidade.

No apartado das instalacións, tamén se retirarán as actuais caldeiras de gasóleo para instalar un sistema de calefacción mediante biomasa con silo exterior. Así mesmo, renovarase a cuberta do edificio da antiga escola e reforzarase o illamento das cubertas e soportais do resto dos inmobles.

O proxecto contempla tamén actuacións específicas en cada un dos edificios. No bloque A crearase unha nova aula no soportal, instalarase un ascensor e habilitarase un aseo adaptado. No edificio B ampliarase a zona de acceso e reorganizarase a conserxería. Pola súa banda, o edificio C verá ampliado o comedor, redistribuída a cociña para aumentar os espazos de almacenamento e contará cun novo despacho e un vestiario para o persoal non docente. Na antiga escola trasladarase a biblioteca á planta baixa para ampliar a súa superficie, habilitaranse dous aseos adaptados, instalaranse varandas nas escaleiras e pecharase o acceso exterior ao soportal.

As melloras estenderanse tamén aos espazos exteriores, onde se construirá un patio cuberto de 309 metros cadrados, pensado como zona de xogos protexida, e crearase un itinerario accesible que conectará todos os edificios do recinto escolar.

Durante a súa visita á cidade, o conselleiro asinou ademais un convenio coa alcaldesa de Lugo, Elena Candia, para facilitar o uso das instalacións deportivas dos institutos públicos fóra do horario lectivo. O acordo comezará cos pavillóns dos IES Ollos Grandes e Lucus Augusti, empregados actualmente por nove clubs deportivos, e permitirá ampliar progresivamente esta iniciativa ao resto dos centros de titularidade autonómica do municipio para actividades educativas, deportivas e culturais.

0.11617803573608