O Concello da Fonsagrada retoma a súa tradicional Festa dos Avós despois de 5 anos

LugoXa
A Asociación Cultural Antaruxas e Sorteiros porá a música tradicional a partir das 13.00 horas do vindeiro 24 de novembro
Festa-dos-Avós-da-Fonsagrada
18 Nov 2024

O Concello da Fonsagrada retoma a súa Festa dos Avós, que non se celebra desde antes da pandemia e suspendeuse por mor desta. Pero este ano celebra a XXVII edición, que conserva a estrutura das xa celebradas anteriormente.

Desta maneira, o vindeiro 24 de novembro a partir das 12.00 horas a veciñanza está convocada para a misa na Igrexa da capitalidade da Fonsagrada, para logo pasar ao comedor da primeira planta da Escola Fogar, un lugar utilizado para actos sociais, como a celebración do magosto.

Pola súa parte, a Asociación Cultural Antaruxas e Sorteiros porá a música tradicional a partir das 13.00 horas e antes do xantar común para amenizar a xornada. Despois, terá lugar a comida, na que haberá callos, tenreira asada e brazo de xitano.

Finalmente, para rematar o día, durante a tarde haberá baile de maiores, unha actividade que se desenvolve no municipio o último domingo de cada mes e que coincide este ano coa Festa dos Avós, na que estará un acordeonista.

Desde o Concello da Fonsagrada explican que esperan gran número de participantes, xa que as cifras que se recollían antes da pandemia eran arredor das 300, pero recoñecen que pode ser un número inferior debido ao envellecemento e o despoboamento.

⚙ Configurar cookies
0.39907383918762